O Impulso Verde de Lugo, de novo protagonista convidado no Congreso Rebuild 2022, o maior foro nacional da construción

O foro, no que participan 15.000 asistentes, “axuda á proxección de Lugo, a súa marca sostible e aos seus proxectos de captación de investimento”, segundo Lara Méndez.

O inmoble impulsado pola alcaldesa, no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, foi presentado durante a sesión “Edificios Zero Emisiones: Pioneros de la edificación descarbonizada”.

Os poñentes presentaron proxectos que xa están a aplicar os principios da Folla de Ruta para a Descarbonización da Edificación en España, sendo Lugo un municipio pioneiro.

Xoves, 28 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde de Lugo, de novo protagonista convidado no Congreso Rebuild 2022, o maior foro nacional da construción

O edificio municipal Impulso Verde, promovido pola rexedora Lara Méndez, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, protagonizou este xoves unha das sesións da 5ª edición do Congreso Rebuild 2022, o maior foro nacional da construción, que se está a celebrar estes días en IFEMA (Madrid) e que convida a Lugo a participar por segundo ano consecutivo.

“A presenza novamente da cidade como concello convidado axuda á proxección de Lugo, e tamén a nosa marca sostible derivada do modelo de cidade no que estamos a traballar a aos proxectos de vangarda en sostibilidade que estamos a impulsar, así como ás nosas estratexias para a captación de investimento”, segundo apunta a alcaldesa lucense.

A arquitecta municipal, Susana Penedo, foi a encargada de presentar esta pioneira construción na conferencia “Edificios Zero Emisiones: Pioneros de la edificación descarbonizada”, que tivo lugar hoxe, ás 11:00 horas. Nesta sesión participaron tamén Toni Escudé, Director de Sostibilidade e Saúde de 011h Sustainable Construction e Iñaki Alonso, de SAAT Triple Balance.

A conferencia estivo moderada por Gonzalo Anguita, o Director Executivo de FSC España, organización que vén de certificar a madeira empregada na construción do edificio Impulso Verde. Nesta palestra, os poñentes presentaron proxectos que xa están a aplicar os principios da Folla de Ruta para a Descarbonización da Edificación en España, adiantando así o que serán os edificios Zero Emisións de Carbono, que se levantarán nas diferentes cidades, sendo Lugo un municipio pioneiro neste eido.

O Concello xa participou na pasada edición deste Congreso Nacional. Así, Lara Méndez interviu para expor, como referente nacional, o modelo de cidade verde que promove o proxecto Life Lugo+Biodinámico e co que o Concello de Lugo aposta pola sostibilidade como eixo vertebrador e transversal de todas as políticas locais, co obxectivo de aproveitar os recursos e potencialidades propias do municipio para combater o cambio climático, pero tamén de apoiarse nestas mesmas fortalezas para impulsar a recuperación económica post pandemia.

Neste senso, o encontro está orientado principalmente a profesionais da arquitectura e a construción avanzadas e ten como obxectivo a transformación do modelo construtivo actual cara solucións e alternativas sostibles e innovadoras, aplicando tecnoloxía e deseño de vangarda.

Un congreso referente a nivel internacional

O Rebuild 2022, cuxa quinta edición se celebra en Madrid do 26 ao 28 de abril, conta coa presenza duns 15.000 asistentes e pode seguirse tanto de xeito presencial no IFEMA de Madrid coma de xeito telemático. Neste showroom, no que tamén se celebra o Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0, teñen lugar palestras, debates, presentacións e demostracións de máis de 350 firmas e 400 expertos.

A presenza do Concello neste tipo de eventos contribúe a incrementar a proxección de Lugo como exemplo nacional e internacional de cidade verde ao tempo que favorece o intercambio de iniciativas, experiencias e sinerxíasentre distintos municipios e administracións á hora de afrontar os desafíos que supón avanzar cara á sustentabilidade urbana e a neutralidade climática.

Noticias relacionadas