O Goberno local ten o apoio das asociacións sociais para que o Concello poida repartir as subvencións nominativas tal como estaban previstas no proxecto de Orzamento para 2014 que rexeitou a oposición

Xoves, 16 de xaneiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As Concelleiras de Benestar e de Economía lograron o acordo das asociacións á proposta que figuraba no proxecto de Orzamentos

As Concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, e de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, reuníronse hoxe co tecido social para explicarlles a situación provocada trala negativa da oposición municipal a aprobar os Orzamentos municipais para 2014, o que pon en risco a continuidade das subvencións nominativas que cada ano concede o Concello ás asociacións de Lugo. 
No encontro coas Concelleiras participaron orredor de corenta asociacións que traballan no eido social e da igualdade que se benefician destas achegas económicas que distribúe anualmente o Concello de Lugo.
As asociacións manifestaron o seu apoio á proposta para a distribución das subvencións nominativas tal e como figuraba no proxecto de Orzamentos rexeitado polos grupos da oposición municipal. 
Unha vez obtivo o respaldo do tecido social de Lugo a esta proposta, o Goberno local ten a intención de someter a mesma á consideración da Corporación no vindeiro Pleno municipal do mes de febreiro. 
As subvencións nominativas son o modelo preferido polas asociacións que valoran nelas o feito de que lles dea estabilidade e garantías, porque lles permite saber con antelación cales van ser os recursos económicos cos que van poder contar no seguinte ano, o que lles axuda a planificar o seu traballo. 
O feito de que non fora aprobado o proxecto de Orzamentos para este ano, obrigou a prorrogar o Presuposto de 2013 pero esa prórroga non se pode facer no caso das subvencións de tipo nominativo, que pola súa propia natureza concédense exclusivamente para proxectos cunha duración determinada que non pode pasar dun ano de duración.

Noticias relacionadas