O Goberno Local proponlle ao Pleno a conxelación dos tributos municipais como medida de apoio e alivio fiscal a familias e empresas asentadas na cidade

Martes, 13 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* A proposta en relación co cobro da auga basease no consumo real, tal e como viña reclamando a oposición

O Goberno Local propúxolle hoxe aos grupos políticos con representación no Concello elevar ao Pleno a conxelación dos tributos municipais como medida de apoio e alivio fiscal a familias e empresas asentadas na cidade. A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez e o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, deron conta da proposta presentada aos grupos en relación coas ordenanzas fiscais para o exercicio próximo.

O obxectivo, tal e como destacou Sonia Méndez, “persegue que o capital circule e se traduza nun maior consumo das familias”.

Sonia Méndez explicou que a medida pode ser levada a cabo gracias “á seriedade e xestión eficaz dos recursos por parte do Executivo Local”. Así referiuse á boa xestión económica do Concello tal e como evidencian as contas anuais municipais, a eficiencia na xestión económica, o resultado orzamentario positivo ou o índice de endebedamento, moi alonxado dos límites legais establecidos.

Á conxelación do IBI e do Imposto de Vehículos, que se aplica por terceiro ano consecutivo, súmase por vez primeira a conxelación das licencias urbanísticas, de apertura, IAE, plusvalías, ocupación da vía pública por andamios e guindastres, lixo, terrazas ou tarifas do CEI, entre outros.

Así mesmo, o Goberno Local deu conta do mantemento das bonificacións existentes como aquelas que se refiren a licencias urbanísticas: rehabilitación dentro do PEPRI ou ARI, instalación de calefacción e ascensor a inmobles de máis de 15 anos, pintura e tratamento integral de fachadas, substitución de cubertas e elementos externos de fachadas tanto na zona urbana como rural, obras de accesibilidade, etc.. En relación co imposto de vehículos mantéñense as bonificacións para vehículos de persoas con discapacidade, vehículos antiguos ou ecolóxicos.

Neste sentido, continúan as bonificacións de plusvalías por transmisión por causa de morte a familiares no caso de vivenda habitual, así como as bonificacións de IBI e IAE por familias numerosas ou incremento de plantilla, respectivamente.

Cobro da auga
Ademais da conxelación das taxas municipais, o Goberno Local propón elevar ao pleno un novo método para o cobro da auga baseado no cobro por metro cúbico, por consumo, tal e como viña reclamando a oposición. Os técnicos municipais elaboraron un informe que garante a viabilidade deste tipo de cobro, sobre a base dunha taxa fixa por contar co servizo.

O Goberno Local celebrará unha reunión o próximo venres para fixar o modelo definitivo que se elevará ao Pleno.

Lino González explicou que a auga sufrirá unha suba gradual que permita regular o déficit do 43% existente entre o que se recada e o que custa o servizo. Gastos que aumentarán derivados na nova potabilizadora e da nova edar que incrementarán os custos.

Así, expuxo, realizarase unha suba gradual ata acadar un equilibrio entre o que custa prestar o servizo, o seu mantemento e o que se recauda. As estimacións do Goberno Local pronostican que á máis da metade dos consumidores non lles subirá o recibo senón que incluso notarán unha baixada.

Así mesmo, o Goberno Local traballa para mellorar o servizo para o que estuda que se poidan efectuar a lectura dos contadores a través do 010 ou de internet para que as lecturas sexan máis rápidas.

Multimedia

Noticias relacionadas