Os traballos de limpeza dos colectores concluíron onte á tarde, con camións de gran potencia para lavar con auga a presión e proceder a succionar os residuos existentes.
Operarios da brigada de sinalización comezarán a retirar as vallas colocadas para realizar estas obras, para que sexa posible estacionar ao longo das dúas marxes desta rúa.
O alcalde destaca que as actuacións de limpeza nos colectores de saneamento permitirá una execución máis eficiente da reforma integral desta vía, prevista no acordo co Organismo da Cunca.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, informou hoxe do remate das obras na rúa Fermín Rivera, previas á reforma integral que acometerá a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de acordo ao protocolo asinado co Concello de Lugo. Desde o luns ata onte, leváronse a cabo estes traballos nos colectores, rematados na tarde de onte, que consistiron basicamente na limpeza dos colectores de saneamento con camións de gran potencia para lavar con auga a presión e proceder á succión dos residuos existentes. Desta forma, sinala o alcalde de Lugo, “poderemos executar dunha forma máis eficiente e segura a reforma integral de Fermín Rivera, prevista no acordo que asinamos coa CHMS”.
Ao longo da xornada do luns, a empresa concesionaria do servizo de limpeza, realizou traballos previos nos colectores de saneamento, de xeito moi especial no treito que vai do Club Fluvial á Ponte Romana, o máis afectado pola presencia de residuos. Despois, o martes e na mañá de onte, trasladáronse ata esta rúa camións de maior potencia para lavar con auga a presión ditos colectores, para proceder despois á succión de restos e lixo. Ademais, introduciron cámaras para coñecer o estado actual de ditos colectores.
Unha vez rematados estes traballos, a brigada municipal de sinalización do Concello de Lugo está a proceder á retirada das vallas de obra colocadas ao longo da rúa Fermín Rivera, para ir recuperando os espacios de estacionamento en ambas marxes da vía.
Ademais, Miguel Fernández, sinalou que “con estas actuacións de limpeza e inspección imos contribuír a que a reforma integral da vía se execute de forma áxil e coa planificación adecuada e precisa en cada un dos tramos da rúa”, ao tempo que incidiu en que a mellora de Fermín Rivera suporá “un gran cambio, tanto a nivel urbano como fluvial, no proxecto deseñado para a contorna do barrio da Ponte”.


