A cuarta tenente de alcaldía, Ana González Abelleira, lembra que quen desmantelou os servizos ferroviarios en Lugo foron os anteriores gobernos do PP, e que agora se está a reconducir a situación con diálogo e traballo constante.
Subliña que xa se mantiveron dúas reunións con Renfe —unha en Madrid e outra en Lugo—, que se teñen realizado xa varias xuntanzas técnicas e que hai máis programadas para seguir avanzando.
“Cambiar un tren non é mover unha ficha nun taboleiro de xadrez. O PP ou descoñece por completo os procedementos ou prefire mentir deliberadamente para crear crispación”, censura a tenente de alcaldía.
O Goberno local lamenta que o Partido Popular e a súa voceira na cidade, Elena Candia, volvan recorrer á confrontación e ao ataque político nun asunto tan sensible e importante como as conexións ferroviarias.
A cuarta tenente de alcaldía, Ana González Abelleira, considera que o comunicado feito público polo PP demostra “un absoluto descoñecemento da realidade ou unha vontade deliberada de mentir, con tal de xerar ruído e tentar sacar rédito político dun tema no que todas as forzas deberiamos remar na mesma dirección”.
“Quen desmantelou os servizos ferroviarios de Lugo foron os anteriores gobernos do Partido Popular”, lembrou a concelleira, quen defendeu que o actual Goberno local está a tratar de reconducir esa situación cun traballo serio e constante. “Xa se mantiveron dúas reunións con Renfe, unha en Madrid e outra en Lugo, e realizáronse xa varias xuntanzas técnicas para analizar as posibles modificacións. Ademais, hai novas reunións programadas para continuar avanzando con rigor e coordinación institucional.”
A tenente de alcaldía advertiu de que “este tipo de melloras non se implementan en 24 horas, porque implican modificacións complexas: cambio de rutas, adaptación dos contratos de servizo público ferroviario, ou mesmo cambios no Plan Estratéxico Nacional de Mobilidade. Cambiar un tren non é mover unha ficha nun taboleiro de xadrez”.
Por iso, Ana Abelleira lamentou que “o PP volva optar pola mentira e pola crispación no canto de actuar con responsabilidade”. “Se de verdade queren beneficiar a Lugo, deberían apoiar as xestións do Goberno local e respectar os tempos de traballo e os procedementos técnicos que implica cada paso”, concluíu.
Audio
- A cuarta tenente de alcaldía, Ana González Abelleira, sobre as conexións ferroviarias | Descargar mp3

