O Goberno Local establece desde hoxe, en consenso con Lugo Monumental, dúas novas zonas temporais de carga e descarga no centro

Estes dous espazos, na rúa Amor Meilán e nas inmediacións da Praza do Ferrol, no Carril dos Romanos, funcionarán durante as obras en horario ininterrompido de 9 a 21 horas.

Están reservados a transporte profesional e delimitados desde hoxe con sinalización de obra, por accesos por pavimentos xa deseñados para soportar o tránsito de vehículos.

O alcalde sinala que “consensuamos esta medida co ánimo de compaxinar os diferentes usos residenciais, comerciais e recreativos no noso centro histórico”.  

Mércores, 02 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno Local establece desde hoxe, en consenso con Lugo Monumental, dúas novas zonas temporais de carga e descarga no centro

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, deu a coñecer hoxe que o Goberno Local establecerá dúas novas zonas de carga e descarga no centro, “unha medida temporal, mentres rematamos as obras no centro, que decidimos de xeito consensuado coa asociación Lugo Monumental”. As dúas zonas se delimitarán ao longo desta mañá con sinalización de obra, e tal e como adiantou o alcalde “estarán situadas na marxe esquerda da rúa Amor Meilán e ao fondo da praza do Ferrol, á altura da Tesourería Xeral da Seguridade Social, no Carril dos Romanos, e funcionarán temporalmente e en horario ininterrompido de 9 a 21 horas”.

O rexedor municipal explicou que para determinar estes novos espazos de carga e descarga temporais se tiveron en conta varios factores. “Por unha banda, as propostas que nos fixeron chegar desde Lugo Monumental; por outra, as necesidades do sector do reparto de paquetería e o de distribución, que demandaban un incremento deste tipo de espazos para exercer a súa actividade, e cun maior horario; e ademais, establecer zonas nas que o acceso sexa por pavimentos xa deseñados para soportar o tránsito de vehículos”. Todo isto cúmprese coas dúas novas zonas que entrarán en servizo desde hoxe e que permitirán ademais “compaxinar os diferentes usos residenciais, comerciais e recreativos no noso centro histórico”, sinala Miguel Fernández.

As dúas zonas temporais delimitadas para o servizo de carga e descarga mentres duran as obras terán unha superficie duns 15 metros. A de Amor Meilán quedará habilitada na parte de abaixo da vía que está máis próxima á Rúa Nova, mentres que na Praza do Ferrol, cunha superficie similar, quedará reservada no Carril dos Romanos.

O horario para estas dúas zonas será ininterrompido desde as nove da mañá ás nove da noite, co obxectivo de facilitar o reparto de paquetería e a distribución de produtos no centro histórico, mentres continúan os traballos de peonalización.

As zonas de carga e descarga estaban habilitadas en Santo Domingo, Armañá, Rúa Nova, Luis Peña Novo, Praza da Soidade, A Tinería, Praza Pío XII, Praza Fernando Casas Novas, Campo Castelo, Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e rúa San Froilán. Dúas delas, Quiroga Ballesteros e San Froilán, quedaron inhabilitadas temporalmente por motivo das obras, polo que desde o Goberno Local se procedeu a tomar medidas para ampliar estes espazos e dar resposta ás necesidades das empresas distribuidoras.

Unha vez que rematen as obras, ás 13 zonas existentes, se sumarán outras oito novas superficies en Antón Fraguas, Tuñas Bouzón, María Balteira, Xoán Montes, Nóreas, San Fernando, Praza de Anxo Fernández Gómez e Castelao.

Multimedia

  • O Goberno Local establece desde hoxe, en consenso con Lugo Monumental, dúas novas zonas temporais de carga e descarga no centro
  • O Goberno Local establece desde hoxe, en consenso con Lugo Monumental, dúas novas zonas temporais de carga e descarga no centro

Noticias relacionadas