O Goberno Local aproba as taxas para a Escola Municipal de Música e encárgalle a Evislusa os proxectos de expropiación de terreos da Ronda do Carme

Mércores, 13 de xuño de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo di que “o peculiar xeito do PP de entender o urbanismo custaralle ós lucenses máis de 7 millóns de euros”

O Goberno local aprobou hoxe as taxas para a Escola Municipal de Música e acordou encargarlle a Evislusa os proxectos de expropiación de terreos da Ronda do Carme necesarios para os sistemas xerais de zonas verdes e viarios, segundo informaron o Tenente de Alcalde e responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez.

Antón Bao anunciou a aprobación inicial, na Xunta de Goberno de hoxe, das taxas que rexerán na Escola Municipal de Música de Lugo. Bao explicou que o documento aprobado hoxe terá un período de exposición pública de 30 días antes da súa aprobación definitiva en Pleno. Segundo Antón Bao, “esta ordenanza fiscal é un trámite necesario para dar cobertura legal aos ingresos que se produzan como consecuencia da prestación do servizos da escola municipal de música”.

O pago da matrícula será anual e farase dividido en tres pagamentos trimestrais a través de domiciliación bancaria.

MATERIA / PREZO

BIG BAND, COMBOS, GRUPO DE METAIS, GRUPO DE CLARINETES, GRUPO DE SAXOFÓNS, BANDA DA ESCOLA, CORO MODERNO, GRUPO TRADICIONAL, CHARANGA, GRUPO DE PERCUSIÓN, GRUPO DE PANDEIRETAS, GRUPO DE CÁMARA E OUTROS 11 € / mes

MÚSICA E MOVEMENTO, LINGUAXE MUSICAL, HISTORIA DA MÚSICA, ANÁLISE, FORMAS MUSICAIS, FUNDAMENTOS DA COMPOSICIÓN, OBRADOIRO DE CREACIÓN SONORA, FORMACIÓN DE ADULTOS, HARMONÍA CLÁSICA, HARMONÍA DE JAZZ, IMPROVISACIÓN, TÉCNICAS DE RESPIRACIÓN, ESTIMULACIÓN MUSICAL, APOIO MUSICAL, INICIACIÓN Á INFORMÁTICA MUSICAL E OUTROS 17 € / mes

FRAUTA TRAVESEIRA, CLARINETE, SAXOFÓN, FAGOTE, TROMPA, TROMPETA, TROMBÓN, TUBA-BOMBARDINO, PERCUSIÓN, GAITA, E OUTROS ( clases compartidas, con tres alumnos como máximo) 22 € / mes

CLASES INDIVIDUALIZADAS DE INSTRUMENTO ( no caso de dispoñibilidade horaria, tanto de aulas coma de docentes)  44 € / mes

O alumnado matriculado en dúas materias, unha de instrumento e a outra máis verán reducido o importe de pagamento anual da materia que non sexa instrumento no 33,33 %. Tamén poderá asistir de balde a coro, banda, charanga, big band, grupo tradicional, técnicas de respiración, harmonía clásica e historia da música (as cinco primeiras no caso de contar con persoas suficientes para formar os grupos, coa aceptación da persoa responsable da aula de formación colectiva).

Como exemplo podemos dicir que o custo para unha persoa que acuda semanalmente a 1 hora de linguaxe musical, 1 hora de instrumento e 1 hora de agrupación pagará (sen bonificacións) 33 € / mes.

Bonificacións e exencións

O alumnado que sexa o terceiro ou posterior membro da unidade familiar que se matricula, verá reducido o pago do prezo público que se regula nesta ordenanza nun 50 %. Esta bonificación realizarase tomando como referencia a taxa máis alta.

O alumnado que pertenza a familias numerosas ou con ingresos anuais netos inferiores a 3.610 euros por membro da unidade familiar, terá dereito a unha redución do 25% na cota establecida para a prestación de servizos ou realización de actividades na Escola Municipal de Música.

Estará exento do pagamento o alumnado que se matricule en estudos dun instrumento que sexa obxecto dunha campaña de promoción por parte da escola, por tratarse dun instrumento dos menos populares. A decisión da elección do instrumento será tomada polo claustro de profesores e cada curso escolar tratarase dun diferente.

Estará tamén exento do pagamento o alumnado que no curso anterior teña un alto aproveitamento das clases desa mesma materia e a unidade familiar conte cuns ingresos inferiores aos considerados para a aplicación das bonificacións.

Expropiacións Ronda do Carme

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, explicou que a encomenda de xestión a Evislusa da elaboración dos proxectos técnicos de expropiación de terreos situados na Ronda do Carme para
os sistemas xerais de zonas verdes e viarios.

O Concelleiro de Urbanismo explicou que “esta expropiación nos vai custar a todos os lucenses máis de 7 millóns de euros por unha decisión que tomou un Goberno municipal da dereita” e remarcou que “isto non é ser apocalíptico, é unha realidade. Álvarez manifestou que esta situación é consecuencia “do peculiar xeito que ten o Partido Popular de entender o urbanismo, que nos leva a ter que facer esa expropiación en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

O Concelleiro de Urbanismo lembrou que, no ano 1994, o Goberno local “sen que se entenda por que razón, decidiu clasificar unha parte dos terreos na Ronda do Carme como solo urbanizable non programado cando se trata duns terreos, como estableceu o TSXG, que teñen todas condicións e infraestruturas para ser considerados solo urbano, algo que non é algo potestativo dunha administración senón que é algo regrado”.

Tamén informou o Concelleiro de Urbanismo da concesión da licenza para reforzar a estrutura e execución de cuberta da planta baixa do edificio número 165 da Avenida da Coruña, que sufriu un incendio o pasado Nadal.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe comezar o procedemento para contratar o servizo de mantemento e conservación integral das áreas de xogos infantís existentes nos parques, xardíns e zonas verdes públicas cun presuposto máximo anual de 58.000 euros e por un prazo de 2 anos.

Tamén se aprobou a apertura do procedemento para contratar o servizo de control da calidade da auga, cun prezo anual máximo de 20.655 euros e por un prazo dun ano.

Así mesmo acordouse a contratación de vintecinco prazas para atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna á empresa Alalás. O prezo máximo de adxudicación é de 187.200 euros anuais.

A Xunta de Goberno decidiu tamén a prórroga por un ano do contrato do servizo de gardería e comedor nas escolas infantís de San Fiz e a Piringalla e a prórroga por seis meses da contratación de dez prazas para a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna.

Multimedia

Noticias relacionadas