O Goberno destina 3,2 millóns a recuperar espazos públicos, fomentar o emprego, proxectar a cidade e impulsar o desenvolvemento sostible

Faino a través do IV Plan Estratéxico de Subvencións, aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local

A sesión deste mércores deu luz verde ao Plan Mellora Lugo 2016, dotado de 425.000 euros, que garantirá 20 postos de traballo e a mellora de instalacións e zonas públicas, tanto da cidade como do medio rural

Adxudicadas as obras suplementarias de rehabilitación da Vella Cárcere a Terrauga Proxectos e Obras S.L. por 84.600 euros e un prazo de execución de dous meses

Mércores, 24 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno destina 3,2 millóns a recuperar espazos públicos, fomentar o emprego, proxectar a cidade e impulsar o desenvolvemento sostible

A Xunta de Goberno aprobou este mércores o IV Plan estratéxico de subvencións do Concello de Lugo para os exercicios 2016-2019, que cumpre coas liñas de acción fundamentais do Goberno Municipal, por valor duns 3,2 millóns de euros, concretamente 3.186.417. Así o anunciou na rolda de prensa posterior o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen fixo fincapé nas catro liñas estratéxicas que desenvolve este plan, recuperar espazos públicos para o seu uso público, fomentar o emprego e a actividade económica, proxectar a cidade para convertela nun referente cultural e deportivo e mellorar as infraestruturas, encamiñadas a un desenvolvemento sostible da cidade.

“Como sempre dixemos este Goberno é o das persoas, e así o amosamos unha vez máis con este plan estratéxico de subvencións, que entronca coa nosa decisión de pór a persoa no centro da actividade municipal”, subliñou Fernández, quen destacou a gran riqueza asociativa da cidade de Lugo, que defende os intereses públicos dos veciños e veciñas. Neste senso, o voceiro subliñou o labor das asociacións ao tempo que remarcou a importancia das axudas deste plan para os colectivos, das que dependen moitas das actividades que desenvolven ao longo do ano, o que lles permite unha maior participación na vida do Concello.

Achegas segundo as materias
Miguel Fernández explicou que as subvencións atenderán a material de deportes, cultura, educación, xuventude, muller, servizos sociais, participación cidadá, desenvolvemento económico e industrial, e urbanismo e rehabilitación.

A través do III Plan Estratéxico de Subvencións 2012-2015, o Concello outorgou 8,2 millóns de euros neste período, que rematou cun grao de execución media do 80%, aínda que próximo ao 100% en áreas como Deportes, Servizos Sociais, Cultura, Xuventude e Plan Urban.

Plan Mellora Lugo 2016
Tal e como avanzara o Goberno o pasado luns, a Xunta de Goberno deu luz verde ao comezo da tramitación do Plan Mellora Lugo 2016, que vai poñer en marcha o Concello co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na cidade como no medio rural. Ademais, aprobáronse os pregos de condicións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como o gasto e apertura do proceso de adxudicación por procedemento aberto, correspondentes ás cinco liñas de actuación que contempla este plan, que ten unha dotación económica total de 425.000 euros. Os traballos de mantemento e conservación, que levará a cabo o Concello, terán lugar nas áreas de Educación, Infraestruturas, Medio Rural, Deportes e Medio Ambiente. Cada una delas contará cun orzamento de 85.000 euros e, en conxunto, garantirase un mínimo de 20 postos de traballo no municipio polo menos durante seis meses.

Para a  adxudicación dos cinco contratos terase en conta a creación e o mantemento de postos de traballo en empresas locais, co obxecto de paliar os efectos da crise económica no municipio. Deberase incentivar, en cada un dos casos, a nova contratación de 2 traballadores parados, que leven inscritos nas oficinas de emprego por un mínimo de 6 meses, e a manter como mínimo a 2 traballadores da súa plantilla existente.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Vello Cárcere
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno adxudicou as obras suplementarias de rehabilitación da Vella Cárcere a Terrauga Proxectos e Obras S.L. por 84.600 euros e um prazo de execución de dous meses. As obras consistirán na colocación dunha varanda na planta alta do edificio porque non foi posible levantar a cornisa como inicialmente estaba previsto, dado que a estrutura non era de pedra e non era consistente, así como na instalación dunha plataforma elevadora no escenario do auditorio diferente á inicialmente prevista porque un cambio normativo esixe outra estrutura con máis automatismos.

Prórroga Fontiñas
Miguel Fernández deu conta de que a Xunta de Goberno prorrogou ata o 25 de agosto as obras de renovación de abastecemento na Ronda das Fontiñas, dotadas de 233.500 euros.

Consello Social USC
Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno acordou manter a designación de Luis García Santalla, como representante do Concello de Lugo, para formar parte do  Consello Social da Universidade de Lugo ao longo dos vindeiros 4 anos.

Audio

  • Miguel Fernández, voceiro municipal, sobre o IV Plan Estratéxico de Subvencións | Descargar mp3

Noticias relacionadas