As obras, xa iniciadas, contan cun investimento de máis de 135.000 euros e beneficiarán de xeito directo a medio cento de veciños e veciñas da parroquia.
A actuación inclúe a execución de 2,4 km de rede e 21 acometidas domiciliarias, conectadas á canalización municipal da estrada LU-P-2901.
O alcalde subliña que “con iniciativas como esta, seguimos a garantir servizos públicos esenciais en todas as parroquias, avanzando cara a un modelo de cidade máis xusta e cohesionada”.

O Goberno de Miguel Fernández vén de iniciar as obras para dotar dunha nova rede de abastecemento de auga ao núcleo de Pías, unha parroquia que ata o de agora non contaba con conexión á rede municipal e onde a veciñanza dependía de pozos particulares. Trátase dunha actuación moi demandada, que mellorará de maneira directa a calidade de vida de preto dun cento de persoas.
“Levamos o rural na axenda diaria e no noso modelo de cidade: o acceso á auga non pode depender do lugar onde se viva, é un dereito básico que temos que garantir desde o público”, expresou o alcalde de Lugo, que visitou esta semana a parroquia para comprobar sobre o terreo o inicio dos traballos.
O investimento previsto ascende a 135.000,27 euros e permitirá a execución de 2.418 metros de nova canalización, conectada á rede municipal á altura da estrada LU-P-2901, nas proximidades do polígono do Ceao. A nova infraestrutura inclúe tamén 21 acometidas domiciliarias e dispositivos técnicos como válvulas de corte, bocas de rega, ventosas e puntos de limpeza, que facilitarán a xestión e mantemento da rede.
As obras están deseñadas para minimizar o impacto sobre a circulación, xa que discorren integramente por terreos de titularidade pública, sen necesidade de expropiacións. Nos treitos que cruzan regatos, a rede irá protexida mediante fundición ou formigón, con solucións adaptadas ao terreo e á estrutura existente.
A rede executarase con tubaxe de polietileno PE100 de alta densidade, cun diámetro principal de 63 mm e seccións secundarias de 50, 40 e 32 mm, adaptadas ás necesidades de caudal de cada ramal. A previsión é que os traballos se desenvolvan ao longo de tres meses desde a súa posta en marcha.
“Esta é unha das obras máis necesarias e xustas que podemos facer no rural: garantir que as familias teñan acceso a un servizo básico como é a auga potable”, afirmou tamén Miguel Fernández, que puxo en valor o esforzo técnico e económico do Concello para chegar a todas as parroquias.
Ao remate das obras, procederáse ao lavado e desinfección da rede segundo o establecido no Real Decreto 140/2003, que regula os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, co obxectivo de asegurar que a instalación estea lista para a súa posta en servizo con todas as garantías.
“Con iniciativas como esta, seguimos a garantir servizos públicos esenciais en todas as parroquias, avanzando cara a un modelo de cidade máis xusta e cohesionada”, concluíu o rexedor.


