A nova norma permitirá dotar ao Concello de ferramentas máis eficaces para actuar ante inmobles abandonados, en ruína ou con risco para a seguridade e o patrimonio.
Trátase dunha revisión integral que unifica dúas ordenanzas desactualizadas e adapta o marco legal ás leis urbanísticas estatal e galega vixentes.
O alcalde subliña que “esta ordenanza é clave para gañar seguridade xurídica, actuar con axilidade e protexer o dereito a unha vivenda digna e o patrimonio da cidade”.

O Goberno de Miguel Fernández aprobará unha nova Ordenanza de Conservación, Edificación e Rehabilitación de Inmobles que permitirá desbloquear actuacións en materia urbanística e mellorar a capacidade de intervención ante situacións de abandono, ruína ou deterioro. Trátase dunha iniciativa estratéxica, que ve a luz despois de meses de traballo, para modernizar o marco normativo municipal, adaptándoo ás novas leis urbanísticas estatal e galega, reforzando o papel do Concello como garante da seguridade, da habitabilidade e do patrimonio construído, e incorporando unha ferramenta novidosa que xa demostrou a súa eficacia noutras cidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña ou Ferrol.
O alcalde de Lugo destacou que “esta ordenanza é clave para gañar seguridade xurídica, actuar con axilidade e protexer o dereito a unha vivenda digna e o patrimonio da cidade. Permitiranos desbloquear actuacións de urbanismo que hoxe se atopan lastradas por limitacións legais e procedementais.”
O novo texto substitúe dúas normativas municipais xa desactualizadas: a Ordenanza reguladora do Rexistro municipal de soares e edificacións que compre rehabilitar no Concello de Lugo, aprobada polo Pleno o 4 de maio de 2009 e publicada no BOP núm. 243, do 23 de outubro de 2009; e a Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións, aprobada o 3 de xuño de 2013 e publicada no mesmo BOP núm. 243, do 23 de outubro de 2013. Ambas quedaron superadas polos cambios lexislativos posteriores, especialmente pola Lei 1/2019 de rehabilitación e rexeneración urbanas de Galicia, que habilita medidas como a expropiación, a venda ou a substitución forzosa ante o incumprimento dos deberes legais por parte da propiedade.
Entre os seus obxectivos principais están favorecer o acceso a unha vivenda digna e adecuada, protexer o patrimonio construído, e reforzar a capacidade do Concello para actuar ante situacións de abandono ou degradación urbana e reactivar a recuperación do parque de vivenda. Tamén se busca simplificar e axilizar os procedementos administrativos, establecer unha orde de prioridades clara nas actuacións e blindar a seguridade xurídica dos expedientes, algo clave para avanzar sen atrancos.
A nova ordenanza unifica nun único texto as obrigas de edificación, conservación e rehabilitación e recolle medidas eficaces fronte ao incumprimento reiterado da propiedade, como a imposición de multas coercitivas, aexecución subsidiaria das obras, e tamén a posibilidade de aplicar a expropiación, avenda forzosaou asubstitución da persoa propietaria por outra que asuma as obras, sempre mediante procedementos garantistas.
Ao tempo, introdúcese a obrigatoriedade de presentar informes de avaliación nos edificios de vivenda colectiva de máis de 50 anos e nos inmobles catalogados, co obxectivo de planificar mellor a conservación do parque edificado.
O texto será levado á Xunta de Goberno da próxima semana como paso previo á súa aprobación inicial e ao proceso de exposición pública. Unha vez superada esta fase e resoltas as alegacións que poidan presentarse, o documento será sometido ao Pleno para a súa aprobación definitiva.
Audio
- O alcalde Miguel Fernández, sobre a nova ordenanza para desbloquear actuacións de rehabilitación e conservación en Lugo | Descargar mp3

