O goberno de Lara Méndez solicitará á Xunta a cesión da LU- 530 entre San Eufrasio e o paseo do Rato para mellorar a seguridade viaria na zona

Trátase dun tramo de 855 metros que unha vez sexa de titularidade municipal posibilitará a construción, neste enclave, dunha rotonda que mellorará a fluidez do tráfico

Martes, 26 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez solicitará á Xunta a cesión da LU- 530 entre San Eufrasio e o paseo do Rato para mellorar a seguridade viaria na zona

O goberno de Lara Méndez solicitará á Xunta de Galicia a cesión dun tramo da estrada LU – 530 entre San Eufrasio e o paseo do Rato, co fin de mellorar a seguridade do tráfico neste punto da capital.

“O tramo do que é obxecto esta cesión consta dunha lonxitude de 855 metros. Trátase dunha estrada convencional con beirarrúas en ambas as marxes e un carril por sentido, aínda que, por zonas, conta cunha liña de estacionamento. Debido á súa topografía só permite como única solución a creación dunha glorieta, unha ordenación que, á súa vez, unicamente resulta factible en vías urbanas, non así nas autonómicas”, manifestou a alcaldesa.

“A última intervención que se fixo nela data do ano pasado, polo que a súa situación é boa, a pesar de que rexistra moito tráfico que emprega esta vía como un corredor norte – sur polo lado leste da cidade por ser este uns dos accesos preferentes ao HULA. Polo demais, todas as infraestruturas existentes son de titularidade ou responsabilidade municipal o que significa que non suporá un sobre custo con relación aos seus gastos habituais de mantemento”.

A rexedora sinalou que esta actuación xunto ás outras dúas anunciadas esta mañá e que permitirán incorporar ao viario urbano parte da NVI e da N-540 en San Pedro de Calde “serán moi importantes tanto no presente, con repercusións moi positivas para os desprazamentos e a mobilidade local e contribuirán tamén a construír o Lugo do futuro no que a funcionalidade, a sostibilidade e o patrimonio deben camiñar da man”, concluíu a rexedora.

Lara Méndez avanzou que proximamente o Concello se dirixirá igualmente á Deputación Provincial para poder recibir o inicio da estrada que une Lugo con Ombreiro así como a vía coñecido como Paseo de Palestina.

Noticias relacionadas