O Goberno de Lara Méndez realizou máis de 60 actuacións nos barrios da cidade solicitadas polos veciños a través de Dito e Feito

Entre os traballos máis demandados, se desenvolveron labores de mellora de pavimentos, supresión de barreiras arquitectónicas ou recuperación de mobiliario e instalación de bancos.

A Alcaldesa destacou a segunda vertente social da iniciativa, xa que as obras foron desenvolvidas por persoas con discapacidade dun centro especial de emprego.

O obxectivo foi manter en estado óptimo de conservación os espazos públicos, coidando o ornato e a imaxe da cidade, seguindo o modelo de urbe sostible que impulsa a alcaldesa.

Luns, 03 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez realizou máis de 60 actuacións nos barrios da cidade solicitadas polos veciños a través de Dito e Feito

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo balance este luns das actuacións realizadas na cidade a través do Plan de Embelecemento Urbano ‘Dito e feito!’, posto en marcha polo executivo municipal en maio do pasado ano, coa finalidade de manter en estado óptimo de conservación todos os espazos públicos urbanos de todos os barrios.

A rexedora subliñou a importancia desta iniciativa “porque foron accións que executamos tras ser solicitadas directamente pola veciñanza a través do proceso de participación cidadá que puxemos en marcha, nese estado de escoita permanente das necesidades das e dos lucenses”.

Atendéronse máis de 60 solicitudes, principalmente traballos de acondicionamento de pavimentos, eliminación de barreiras arquitectónicas e arranxo e recuperación de mobiliario.

Méndez lembrou que “o Concello inviste un total de 260.000 euros nesta programación -160.000 no 2022 e 100.000 neste ano- que foi adxudicada ao centro especial de emprego de iniciativa social Coregal Parques e Xardíns, atendendo a outro dos obxectivos que queremos alcanzar como é a inserción no mercado laboral de persoas con discapacidade”.

Para activar este Plan, o contrato distribuíuse en dous lotes, un financiado cos fondos europeos DUSI Muramiñae -a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego e a inserción laboral- e destinado ao desenvolvemento das accións de mellora nos dez barrios onde actúa esta estratexia municipal, e un segundo lote para os barrios non incluídos na mesma.

Algunha das actuacións que xa se levaron a cabo foron a restauración do mobiliario no parque de Albeiros; o acondicionamento e repintado da escalinata da estación e da rúa Cidade de Viveiro; a restauración de bancos na Praza Maior e no paseo da Rúa Madanela; a colocación de bolardos na rúa do Troneiro e Rolda do Carme; a construción de rampas accesibles en beirarrúas da Ronda das Fontiñas e Carril dos Loureiros; a instalación de bancos na Ronda de Fingoi, Ronda do Carme e nas rúas Serra da Gañidoira, Escultor Asorei, Río Lor, Cova da Serpe, da Pomba, Esquío, Pintor Pacios, Amizade, Roseira, Primavera e Vilaverde, a carón da gardería municipal; reparación de pavimentos nas rúas Doutor Balanzá, Infanta Elena, Estrelamar e Camelia ou o acondicionamento dos parques de Albeiros, As Gándaras, Illa Verde e Sagrado Corazón, así como a roza e limpeza da rúa Humanista Rof Carballo entre outras.

O Concello habilitou varias vías para que os cidadáns poidan enviar as súas propostas tanto de forma telemática, a través da páxina web www.alcaldialugo.gal ou enviando un WhasApp ao 623 200 872; como de forma presencial, cubrindo unha ficha que se pode atopar no buzón ‘Dito e feito!’ instalado na entrada da Casa Consistorial.

Muramiñae Rehabilita

O Plan de Embelecemento dá continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras de colectivos vulnerables en situación de desemprego, para realizar obras de mellora na zona que abarca a estratexia DUSI.

Froito deste programa executáronse melloras no Parque Rosalía de Castro, o acondicionamento da contorna do río Miño, o cambio de bolardos da Milagrosa, a peonalización da Rúa Esquecemento, así como arranxos en diversas áreas da capital.

Noticias relacionadas