O Goberno de Lara Méndez elevará ao Pleno de maio a modificación puntual do PXOM para descatalogar o edificio de Correos

Tralos informes favorables de ADIF e Xunta de Galicia este mes a Corporación Municipal validará definitivamente o proxecto para poder derrubar o inmoble.

A Institución local segue, así, a dar cumprimento ás tarefas que tiña asignadas no protocolo co ente ferroviario e o Executivo autonómico para construír a Estación Intermodal.

A rexedora insiste “na necesidade de chegar a acordos con dilixencia para que a execución da infraestrutura avance e Lugo non perda oportunidades para mellorar a súa competitividade”.

Martes, 10 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez elevará ao Pleno de maio a modificación puntual do PXOM para descatalogar o edificio de Correos

O Executivo de Lara Méndez procederá este mes de maio á aprobación definitiva da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar a descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que tanto Adif como a Xunta de Galicia deran a súa conformidade ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite, que antes diso deberá ser validado mañá de forma provisional en Xunta de Goberno, supón avanzar na materialización, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén co ente ferroviario e co Executivo autonómico para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

A alcaldesa explicou hoxe que trala súa aprobación definitiva se procederá a publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

Lara Méndez lembrou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural para a redacción do proxecto, o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

“Ao tratarse dunha modificación non substancial, que non constituiu unha variación fundamental da estratexia e directrices vixentes no Plan Xeral e non produxo diferenzas no efectos previstos ou na súa zona de influencia, puido acollerse á tramitación simplificada, quedando eximida do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, segundo determinou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de axilizar todo o posible o procedemento así como a necesidade de chegar a acordos con dilienxia para que a creación da instraestrutura avance e Lugo poida recuperar posicións no mapa ferroviario e mellorar a súa competitividade”.

“Especialmente, tendo en conta que, se non fora polo cambio de criterio do Goberno autonómico, a descatalogación do edificio de Correos se podía ter abordado – como así se acordara nun principio - coa aprobación dun informe de interpretación de interese público, o que houbera diminuído considerablemente a burocracia e os tempos de xestión”, concluíu Méndez.

Noticias relacionadas