O Goberno de Lara Méndez destina preto de 40.000 euros para mellorar e facer máis confortables as instalacións da Casa da Muller

Os traballos inclúen a renovación e creación de novos espazos como despachos, unha zona común destinada a sala de lectura ou un almacén.

Tamén se levará a cabo o repintado interior do inmoble, a execución dun novo pavimento e dotarase ao aseo dun cambiador de bebés ancorado á parede.

A nova configuración interna contempla itinerarios de seguridade tanto para o persoal municipal como para as usuarias do centro.

Venres, 27 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez destina preto de 40.000 euros para mellorar e facer máis confortables as instalacións da Casa da Muller

O Goberno de Lara Méndez está a executar traballos de renovación e mantemento no interior da Casa da Muller, co obxectivo de mellorar e facer máis confortables estas instalacións municipais. Así, as obras, que comezaron recentemente, contemplan a creación de novos espazos como despachos, unha zona común destinada a sala de lectura ou un almacén. Por outra banda, tamén se levará a cabo o repintado interior do inmoble e a execución dun novo pavimento.

A nova configuración interna contempla, así mesmo, itinerarios de seguridade tanto para o persoal municipal como para as usuarias do centro. Deste xeito, todos os despachos estarán conectados entre si, e coa saída, para incrementar a seguridade do edificio.

A concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, supervisou o avance dos traballos e explicou que “dende o executivo municipal destinamos un total de 37.537 euros para a execución destas tarefas coas que buscamos modernizar as instalacións da Casa da Muller e ofrecer tanto ao persoal de atención como ás usuarias unhas dotacións de calidade, que resulten máis cómodas, ao tempo que melloramos a estética do centro”.

As obras contemplan a demolición de distintos tabiques e a execución duns novos para adecuar os despachos existentes e crear despachos novos e tamén unha nova zona común dedicada a sala de lectura e un almacén na zona de administración. Así mesmo procederase á retirada do falso teito existente, co fin de executar un único falso teito a unha única altura e dotalo da adecuada iluminación.

Novo pavimento e repitando do inmoble

As tarefas tamén incluirán o levantado dos distintos solos de linóleo, cortiza ou similar colocados sobre o solo existente e posterior nivelación do conxunto do solo de toda a edificación, preparando as superficies para a colocación do pavimento de acabado; e a execución dun novo pavimento para o conxunto da edificación.

Ademais, abriranse ocos para a execución de portas de paso entre os despachos e procederase ao pintado xeral do interior da edificación, previa reparación das fendas e fisuras na tabiqueria.

As obras complétanse coa substitución de porta exterior do almacén, co fin de instalar unha porta de aceiro de fácil apertura dende o interior cunha barra antipánico, coas tarefas necesarias de instalación eléctrica e de datos, co fin de poñer en uso de xeito adecuado os novos espazos.

Finalmente aproveitarase tamén para dotar ao aseo existente dun cambiador de bebés ancorado á parede, plegable de doada manipulación e para instalar un felpudo de caucho e aluminio enrollable no acceso ao edificio.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez destina preto de 40.000 euros para mellorar e facer máis confortables as instalacións da Casa da Muller

Noticias relacionadas