O goberno de Lara Méndez dá o paso previo á execución do desdobramento e humanización da Duquesa de Lugo

Os traballos de acondicionamento da avenida comezarán en breve logo de que mañá a Xunta de Goberno aprobe o proxecto de expropiación dos terreos precisos

A intervención suporá, ademais da ampliación da calzada, que se gañen espazos para o esparexemento público

Martes, 03 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez dá o paso previo á execución do desdobramento e humanización da Duquesa de Lugo

O inicio dos traballos de desdobramento da avenida Infanta Helena está xa un paso máis cerca.

A área de Urbanismo Sostible dará traslado, mañá, para a súa aprobación en Xunta de Goberno, tanto do Proxecto de Expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento destas obras, como do procedemento de taxación conxunta para a determinación do prezo xusto dos bens aos que atinxe.

O concelleiro responsable, Miguel Couto, lembrou que o obxectivo da intervención prevista, que nace do acordo impulsado e asinado pola alcaldesa, Lara Méndez, coa Deputación durante o anterior mandato, é o de dotar a avenida Duquesa de Lugo das condicións necesarias para garantir a seguridade na circulación incluíndo solucións de mobilidade sustentables e efectivas que inclúan a transeúntes e ciclistas.

 “Contémplase, pois, unha ampliación da calzada para dotala de dous carrís de circulación en cada sentido, con itinerarios peonís accesibles en ambas marxes, carril bici e a humanización da contorna, para o que se terán en conta os tramos xa urbanizados, tanto da propia avenida como das rúas que se cruzan con ela”, sinalou o edil.

“Disporá, así mesmo, de servizos como abastecemento, saneamento e iluminación pública, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras como pode ser o desenvolvemento de solo urbano non consolidado e do chan urbanizable previstos no PXOM”, indicou Couto.

Pola súa banda, a rexedora subliñou a importancia da actuación e destacou que “desta maneira acadaremos que os viandantes desfruten de tres metros libres de circulación contando ademais con elementos de sombra, xa que se prevé a colocación de árbores, papeleiras, báculos de iluminación e mesmo bancos que posibiliten o seu descanso, creando novos espazos para o esparexemento público e dándolle continuidade á rede de carril bici prevista, ao conectala coa parcela municipal na que se pretende a construción dunha edificación sustentable e co centro comercial próximo”, engadiu Lara Méndez.

O desdobramento, que se acometerá entre a glorieta de Albeiros e a intersección desta vía con Paulo Fabio Máximo, esixe da adquisición, por parte do Concello, de 43 parcelas que suman un total 2.779’04 m², obxecto de expropiación forzosa, e da ocupación temporal de 2.662’65 m² máis que terán un custo global para administración local de 132.639’30 euros.

Unha vez que o documento conte co visto bo do executivo, este deberá someterse a exposición pública durante un mes, período no que as persoas afectadas poderán presentar as alegacións, ao respecto, que estimen oportunas.

Noutra orde de asuntos, na sesión desta semana o goberno local outorgou tamén catro licenzas urbanísticas, dúas delas para a instalación de ascensores en sendas vivendas da rúa da Xesta e en Bosende, e tamén para a construción dun alpendre de apeiros agrícolas en San María Alta e para o remate e legalización dunha residencia canina en Bacurín.

 Así mesmo, en materia de Persoal, saíron adiante as propostas para nomear como Xefe do Servizo de Medio Ambiente, en comisión de servizos, ao anterior Secretario xeral do Pleno Accidental, Justo Díaz Rodríguez, así como as bases específicas para o acceso en propiedade de dúas prazas de oficial vixiante/a recadador/a pertencente ao cadro de persoal funcionario do Concello de Lugo, unha delas en quenda de acceso libre e a outra reservada a persoas con discapacidade.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre os últimos pasos para a execución do desdobramento de Duquesa de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas