O Goberno aproba o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que gañará espazos peonís e carrís bici

As actuacións incluídas nesta primeira fase, que abarca o tramo dende o enlace coa Ronda Norte ata a glorieta 25N -en fronte da área comercial-, transformarán unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos e moi utilizada polos viandantes

As obras mellorarán a seguridade e accesibilidade de condutores, peóns e ciclistas, pois pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, explicou a Alcaldesa

“É un proxecto central dentro do noso modelo de cidade, co que buscamos un Lugo máis cómodo, accesible e humano, con máis e mellores espazos públicos para uso público”, subliñou Lara Méndez

O proxecto é froito dun convenio entre o Concello e a Deputación, entidade que achegará o financiamento necesario, de 1,4M€, e ocuparase da contratación das obras, que contan cun prazo de execución de 12 meses

Mércores, 19 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno aproba o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que gañará espazos peonís e carrís bici

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, presentou este mércores o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, tras ser aprobado na Xunta de Goberno, unha actuación que afecta, nesta primeira fase, ao tramo dende o enlace da vía coa Ronda Norte ata a glorieta 25-N, situada xunto á área comercial, e que transformará unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, cun índice de 711 vehículos pesados ao día, e moi utilizada polos peóns. Infanta Elena é de feito o principal acceso á zona norte da cidade e comunica o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, e coa A-6 e a N-VI.

O desdobramento e humanización desta vía suporá unha “mellora substancial da seguridade viaria e accesibilidade de conductores, viandantes e ciclistas”, segundo explicou a Alcaldesa, porque pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura da avenida Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido. “É, polo tanto, un proxecto central dentro noso modelo de cidade, co que buscamos un Lugo máis cómodo, accesible e humano, con máis e mellores espazos públicos para uso público”, subliñou Lara Méndez.

Estas obras son froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Lugo, no marco “da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional”, apuntou a rexedora. A entidade provincial achegará o financiamento necesario, de 1,4M€, e ocuparase da contratación das obras, que contan cun prazo de execución unha vez iniciadas de 12 meses.

Enlace Ronda Norte – Paulo Fabio Máximo

No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a avenida Paulo Fabio Máximo pasarase dunha vía de 11ms de ancho, con un único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, a unha estrada de 30ms de ancho. Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Crearanse beirarrúas a ambas marxes de 4.05ms cada unha, que contarán con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40ms con céspede e arboredo. Dotarase tamén de alumeado.

Rotonda Paulo Fabio Máximo

Coas obras previstas, pasarase da actual intersección regulada por semáforos a unha rotonda, para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- darase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada existente. Na marxe esquerda, darase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N

Esta parte da vía está completamente urbanizada e conta con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións que as que terá despois das obras o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. Polo tanto, o obxectivo do proxecto neste caso é darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo. Deste xeito, pasarase dos actuais dous carrís por cada sentido a establecer na marxe dereita dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda haberá tres carrís de circulación, sentido centro da cidade. As beirarrúas quedan como están, con 2,40 de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que seguirá tendo 5ms de ancho, pero acondicionarase con árbores.

En canto á iluminación, será de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocaranse no tramo sen iluminar actualmente (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituiranse as actuais luminarias na parte restante (Paulo Fabio Máximo-glorieta 25N).

Carril bici

O trazado do carril bici contemplado permite conectar coa parcela na que o Concello proxecta o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico financiado con fondos europeos que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a economía verde.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto inclúe os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo-Glorieta 25N.

Paralelamente, o Goberno traballa no proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer esta primeira fase do desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que, cunha lonxitude de 532 metros, afecta a 37 fincas.

Outros proxectos de mobilidade

A Alcaldesa enmarcou esta obra nas actuacións que o Goberno ten en marcha para desenvolver o seu modelo de cidade, centrado na mobilidade, entre as que destacou a instalación dos ascensores dos barrios de Fontiñas e Sagrado Corazón, a peonalización do entorno da Praza da Milagrosa, os aparcadoiros disuasoiros ou os proxectos incluídos no Plan de Barrios, así como o proxecto DUSI, unha estratexia de mobilidade en si mesma que ten por obxectivo unir a cidade co río rompendo a discontinuidade urbana existente ata o momento, e inclúe, entre outras actuacións, unha pasarela peonil, a ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI ou creación de máis de 15 qms. de carrís bici.

Entre os proxectos xa acometidos neste eido, destaca a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, a implantación de zonas 30 con convivencia de bicicleta na Ronda da Muralla, a rúa Rodríguez Mourelo e A Piringalla, a apertura do párking do Seminario ao público en xeral polas tardes e as fins de semana ou o novo párking en fronte ao HULA.

Documento

Multimedia

  • O Goberno aproba o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que gañará espazos peonís e carrís bici

Noticias relacionadas