O Goberno aproba axudas por preto de 240.000 euros

Trátase de cinco liñas de subvención destinadas a ONGDs, a asociacións de caracter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente; a clubs e entidades deportivas, a persoas con talento deportivo e a colectivos con actividade no eido da xuventude

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais para as destinadas a ONGD e 15 días para o resto, contados dende a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, a través do BOP

Tal e como avanzara a Alcaldesa, na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse tanto o proxecto de expropiación parcial dos terreos do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, como o de urbanización, cun orzamento total de 102.000€

Mércores, 25 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou cinco liñas de axudas por importe de preto de 240.000 euros destinadas ao apoio de organizacións non gubernamentais de desenvolvemento (ONGD) para a realización de proxectos de sensibilización social no Concello, a asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro de carácter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral e sectorial e para o mantemento de equipamentos; para clubs, asociacións e entidades deportivas sen ánimo de lucro para a promoción e fomento do deporte e actividade física, para persoas con talento deportivo e para asociacións e persoas xurídicas privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da xuventude. Coa convocatoria destas subvencións, de 12.000 euros, 45.500, 145.000, 26.000 e 10.000 euros respectivamente, o Goberno volve apoiar e renovar o seu compromiso coa cooperación e o deporte, e con todos os colectivos que traballan no eido veciñal, educativo, de medio ambiente e de xuventude, que dinamizan a vida diaria do municipio.

Segundo indicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, o prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais para as destinadas a ONGD e 15 días para o resto, contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións. Publicaranse tamén no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de edictos, na páxina web, www.lugo.gal, e no Portal de Transparencia do Concello.

Tapón urbanístico da Avenida da Coruña

Tal e como avanzara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na sesión deste mércores aprobouse o proxecto de expropiación parcial dos terreos que constitúen o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, así como o proxecto de urbanización, cun orzamento total duns 102.000 euros. Tras a aprobación inicial, os acordos someteranse a exposición pública un mes para logo aprobarse de xeito definitivo, momento no que se sacarán as obras a contratación. O Goberno estima que a finais de ano ou principios do que vén estén rematas, e o tapón urbanístico desaparecerá.

Prórrogas

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno celebrada esta mañá acordou prorrogar o contrato correspondente á realización de actividades de ensinanza deportiva e servizos complementarios nas instalacións deportivas das Pedreiras, O Polvorín, Frigsa e outros emprazamentos deportivos municipais ata xuño de 2016, por un importe de 400.500 euros; así como do servizo de mantemento, conservación e explotación dos sitemas de control de tráfico ata maio do 2018, por un importe duns 150.000 euros. 

Audio

Noticias relacionadas