A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación dun novo paquete de proxectos de pavimentación de seis vías cun investimento de 364.000 euros
Adxudicada a ampliación da rede de abastecemento do núcleo de Meilán, que conta cun orzamento de 128.000 euros
- Tema

A Xunta de Goberno acordou este mércores a adxudicación dun novo paquete de obras de pavimentación de rúas da cidade, neste caso de 6 vías por valor de 364.000€. Deste xeito, en menos de tres meses, o Goberno leva adxudicado melloras en 31 rúas e estradas do municipio por valor de preto de 2 millóns de euros. “Isto amosa ben ás claras que ese intento de trasladar interesadamente unha certa inacción do goberno choca frontalmente coa realidade”, subliñou o Voceiro municipal, Miguel Fernández.
As actuacións adxudicadas hoxe, os importes e as empresas adxudicatarias son os seguintes:
- Rúa Mar Cantábrico. 57.000€. Empresa Hordescon SL
- Rúa Margarida. 69.190€. Excavaciones Goni SL
- Tramo Colexio de Albeiros-Ronda Norte. 66.472€. Lancer Proyectos y Obras SL
- Tramo Ronda Norte-Duquesa de Lugo. 81.078€. Hordescon SL
- Rúas Mercado de Frigsa. 80.872€. Mauri e Hijos SL
- Rúa Magnolia. 8.675€. Asogal
O prazo de execución destas seis actuacións é dun mes. Comezarán despois das festas do San Froilán para minimizar os problemas de tráfico.
Por outra banda, e tamén relacionado con infraestruturas, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar as obras de ampliación da rede de abastecemento no núcleo de Meilán, que conta cun orzamento de 128.000 euros. A adxudicataria é Construcciones Ponciano Nieto SL e o prazo de execución das actuacións é de dous meses e medio.
Prórroga contrato de xestión recadatoria
Aprobouse prorrogar por un ano o contrato correspondente á prestación dos servizos complementarios e de colaboración á xestión recadatoria municipal en período executivo, para a xestión administrativa e a recadación das multas de tráfico, de colaboración na xestión en materia de inspección e colaboración na xestión en materia catastral, asinado entre o Concello de Lugo e Tribugest Gestión de Tributos SA no ano 2011. O importe desta prórroga por un ano é de 212.748€.
Pía Paxaro e Monte Adairo
O Voceiro municipal informou de que a Xunta de Goberno acordou impoñer unha penalidade de 1.877,45€ á adxudicataria das obras de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Paxaro por falta de colaboración para facer efectivas as facultades de dirección, inspección e supervisión da obra. Aprobouse así mesmo resolver o contrato con esta empresa, concluíndo así o expediente aberto a mediados de agosto, tamén aprobado en Xunta de Goberno.
A resolución do contrato prodúcese en base a informes técnicos e debido aos seguintes motivos:
- Ao incumprimento do prazo de execución das obras, estipulado en 3 meses no contrato. Os traballos deberan estar rematados o 28 de febreiro deste ano. Concedéronse tres prórrogas, a última con data límite do 31 de xullo, sen que a obra estea rematada. A día de hoxe está executada toda a parte do saneamento e abastecemento de ambas rúas. O que falta é a pavimentación
- Á reiterada obstrucción ou falta de colaboración para facer efectivas as facultades de dirección, inspección e supervisión das obras
- E ao impago a provedores e subcontratistas para a execución da obra
Unha vez concluído este proceso de resolución do contrato, o Concello retomará de inmediato o proxecto con medios propios para rematalo.
Audio
- Sobre o novo paquete de proxectos de pavimentación |Descargar mp3