O Executivo de Paula Alvarellos validará mañá en Xunta de Goberno a delimitación para declarar como ERRPa Milagrosa e o Barrio Feijoo

A aprobación deste documento é o trámite previo á súa remisión á Xunta, o que permitirá a Concello e particulares concorrer ás seguintes convocatorias de fondos para a rehabilitación de vivendas.

Neste senso, a alcaldesa de Lugo apremiou ao Goberno galego a abrir canto antes unha nova convocatoria de axudas para actuar nestes barrios, onde a propiedade de máis de 350 vivendas amosou o seu interese en solicitalas.

A rexedora, xunto a técnicos de GAU, manterá un encontro este xoves coa veciñanza da contorna para explicarlles o contido da memoria e as iniciativas que o Concello pretende levar a cabo no espazo público.

Martes, 21 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos validará mañá en Xunta de Goberno a delimitación para declarar como ERRPa Milagrosa e o Barrio Feijoo

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará mañá na Xunta de Goberno Local a delimitación como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) da Milagrosa e o Barrio Feijoo. A rexedora informou que “este é o trámite previo a que o documento se remita á Xunta de Galicia  o que permitirá, ademais, poder concorrer ás seguintes convocatorias de fondos que se abran para a rehabilitación de vivendas”.

Neste senso, a alcaldesa de Lugo apremiou ao Goberno galego a abrir canto antes unha nova convocatoria para actuar  nestes barrios onde se concentran 1.025 edificios, dos que 931 teñen uso residencial, o que supón o 90,84% do parque inmobiliario.

Alvarellos Fondo incidiu en que “dos 2.540 millóns repartidos polo Estado en materia de rehabilitación residencial e vivenda social con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a Galicia correspóndelle o 5,84%, é dicir 148 millóns de euros, dos que a Xunta só puxo en funcionamento 67 millóns ata o momento: 3,3 millóns para axudas á redacción de proxectos de rehabilitación e libros de edificios, 13,5 millóns para melloras de eficiencia, 23 millóns para axudas a nivel de edifico, 4,7 para as oficinas de rehabilitación e 22,8 millóns para o Programa de Barrios; por tanto aínda quedan aínda moitos millóns de euros para investir que aquí en Lugo precisamos”.

Igualmente, Paula Alvarellos lembrou que, do traballo de campo realizado por GAU para poder declarar A Milagrosa e o Barrio Feijoo como ERRP, despréndese que no ámbito do estudo, dos 86 edificios analizados a propiedade de 69 estaría interesada en acollerse ás subvencións. “Son en total 353 vivendas cuxa rehabilitación ascendería a 8.873.261 euros polo que ese financiamento sería moi ben recibido por todas estas persoas que, de maneira particular, queren mellorar as condicións de eficiencia enerxética e de habitabilidade das súas vivendas, por non falar tamén da inxección que suporía a súa concesión para a execución de proxectos municipais no espazo público”, engadiu.

Precisamente, a rexedora avanzou que este xoves manterá un encontro coa veciñanza destes barrios, acompañada de técnicos de GAU, para explicarlles o contido da declaración que se aprobará na Xunta de Goberno Local de mañá e as actuacións que o Concello pretende levar a cabo, que forman parte da folla de ruta municipal para a rehabilitación desta zona da cidade, e para as que tamén se abrirá posteriormente un proceso participativo.

Noticias relacionadas