O Executivo de Paula Alvarellos pon a disposición do tecido asociativo varios locais e salas de uso múltiple no CEI-Nodus

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará a convocatoria e as bases que rexerán a cesión dos espazos, por un máximo de tres anos, na Xunta de Goberno local desta semana.

Mauricio Repetto: “O obxectivo é facilitar a súa actividade e a posta en marcha de programas cos que dinamizar economicamente e poñer en valor o noso territorio”.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Martes, 26 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos pon a disposición do tecido asociativo varios locais e salas de uso múltiple no CEI-Nodus

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana as bases e a convocatoria para a cesión de locais e instalacións no CEI-Nodus municipal a asociacións e entidades sen ánimo de lucro lucenses que contribúan á dinamización económica do municipio, para o desenvolvemento dos seus programas. Así o avanzou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou o valor do tecido asociativo no desenvolvemento local.

“Poñemos a disposición das entidades interesadas catro locais de uso individualizado, así como varias salas e aulas de uso polivalente, co proposito de facilitar a súa actividade e a posta en marcha de programas cos que dinamizar economicamente e poñer en valor o noso territorio. Amosamos así, unha vez máis, o noso apoio ao tecido asociativo luncese. O obxectivo do noso Goberno é respaldar o seu labor en prol da comunidade xa que o consideramos un motor social e económico estratexico para a nosa cidade”, sinalou o edil.

A través da cesión de uso destes espazos a concellería de Dinamización Económica busca, deste xeito, dar soporte ás entidades que levan a cabo proxectos de fomento, sensibilización, formación, información e asesoramento sobre a cultura emprendedora, a dinamización económica, o aproveitamento de recursos, a posta en valor do territorio, o fomento do emprendemento e a creación de emprego no municipio de Lugo.

As asociacións ou entidades interesadas en usar estes locais deberán acreditar unha experiencia mínima de 2 anos desenvolvendo programas ou actividades de fomento, dinamización e promoción económica dentro do termo municipal de Lugo. Así mesmo, deberán xustificar de maneira rigorosa a necesidade dun local por carecer dun espazo axeitado para o desenvolvemento do seu cometido e presentar un programa que conteña actividades de carácter continuo ao longo do ano.

Actualmente estes catro locais están cedidos ás asociacións Edeidades e AELU, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, que comparten un mesmo espazo co propósito común de apoiar á muller na súa plena integración na sociedade; AJE Lugo, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Lugo; Markers Lugo, asociación creada co fin de contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre; e AdisLugo, a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo. Estas entidades poderán participar novamente na convocatoria, segundo explicuo Repetto.

O concelleiro avanzou que “o prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia”. Para a adxudicación dos locais levarase a cabo unha avaliación técnica na que se terán en conta, entre outros, os seguintes aspectos: a calidade do programa ou proxecto; a experiencia e implantación en Lugo da entidade solicitante; ou o impacto local e visibilidade da entidade solicitante.

Finalmente, Repetto explicou que a autorización de uso terá unha duración inicial dun ano, contado dende a aceptación das condicións de utilización por parte da entidade beneficiaria e poderá prorrogarse ata un máximo de tres anos, incluído o primeiro.

Audio

  • Mauricio Repetto, sobre os locais e salas de uso múltiple no CEI-Nodus | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas