Os traballos saen a licitación e está prevista a súa execución na próxima primavera, cando as condicións meteorolóxicas sexan máis axeitadas para poder levalos a cabo.
O orzamento destinado pola área de Cohesión Territorial para estas obras, que beneficiarán ás parroquias de Tirimol, Vilachá de Mera, Calde, San Xoán Alto, Santa Comba, San André de Castro e San Xoán de Pena, ascende a 367.894,45 euros.
"Só a través da acción podemos amosar a nosa convicción de manter en bo estado e de forma continuada as vías rurais, e estas actuacións son o mellor exemplo," destacou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira.

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Cohesión Territorial, impulsa un novo plan de melloras en varias estradas municipais da contorna rural do Concello de Lugo. Esta intervención, que sae a licitación, permitirá acondicionar vías clave, asegurando un tránsito máis seguro e cómodo para a veciñanza. A execución dos traballos está prevista para a próxima primavera, cando as condicións meteorolóxicas sexan máis axeitadas para poder levalos a cabo.
A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, destacou o compromiso do Concello con estas actuacións. “Só a través da acción podemos amosar a nosa convicción de manter en bo estado e de forma continuada as vías rurais, e estas actuacións son o mellor exemplo,” subliñou. O proxecto contempla actuacións específicas nas parroquias de Tirimol, Vilachá de Mera, Calde, San Xoán Alto, Santa Comba, San André de Castro e San Xoán de Pena, cun investimento total de 367.894,45 euros. Asemade, a edil confirmou que as obras “forman parte da distrubución plurianual de mantemento de vías que levamos a cabo dende Cohesión Territorial, que prioriza os traballos nas infraestruturas que sofren un maior desgaste e un volumen de utilización máis intenso por parte da veciñanza”, concluiu.
Sete actuacións clave nas estradas rurais
En Tirimol, realizarase o acondicionamento e mellora da estrada na Brea, mentres que en Vilachá de Mera, a intervención centrarase na estrada en Liñar. Así mesmo, en Calde, as obras terán lugar nas proximidades do Centro Social, favorecendo o acceso a este espazo comunitario.
Na parroquia de San Xoán Alto, acometerase a mellora da estrada de acceso a Abelairas, unha vía de gran importancia para a mobilidade dos residentes. En Santa Comba, mellorarase o acceso en Pacios, facilitando o tránsito en áreas onde o firme actual presenta un desgaste manifesto.
As intervencións en San André de Castro e San Xoán de Pena incluirán varias melloras clave. En San André de Castro, a actuación terá lugar detrás da Fortaleza, mentres que en San Xoán de Pena se acondicionarán as estradas nas proximidades da igrexa e do colexio de Nadela, así como o acceso á urbanización nesta mesma área. Estes traballos inclúen a limpeza das cunetas, o reforzo do firme con aglomerado en quente, e a instalación de sinalización vertical e horizontal en puntos de intersección e zonas de especial visibilidade.
A edil Ana Abelleira subliñou tamén que “estas intervencións garanten o acceso seguro aos núcleos rurais e son fundamentais para apoiar o desenvolvemento sostible e equilibrado do noso concello.” Engadiu ademais que "o Executivo continuará a traballar para que as estradas municipais se manteñan en condicións óptimas, tanto nas zonas urbanas como nas rurais.”
Con estas actuacións, o Concello de Lugo reforza o seu apoio ao benestar da veciñanza, asegurando infraestruturas en bo estado que favorezan a seguridade e accesibilidade en todas as parroquias.
Audio
- A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, sobre a seguridade e accesibilidade | Descargar mp3


