O Executivo de Paula Alvarellos aprobará unha nova ordenanza de axudas de emerxencia social que permite ampliar a atención e incrementar en ata un 57% a súa dotación económica

O Goberno local reafirma o seu compromiso social con esta nova norma que mellora o alcance e a eficacia desta atención, que no 2024 recibiron 431 familias vulnerables.

A edil de Benestar Social e Maiores destaca a posible subida dun 66 por cento respecto ó ano pasado na partida para o pago do aluguer, que crece de 127.000 a 211.000 euros. 

Coa próxima aprobación desta norma, López Racamonde cre que “atenderanse a máis persoas ao tempo que haberá un control estrito e rigoroso para conceder as achegas”.

Luns, 03 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos aprobará unha nova ordenanza de axudas de emerxencia social que permite ampliar a atención e incrementar en ata un 57% a súa dotación económica

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará proximamente a nova ordenanza de axudas de emerxencia social para facela máis efectiva e acorde á realidade actual, o que permitirá ademais modificar as contías e as prestacións para vulnerabilidade coa implantación de novos sistemas de pagos. A este maior control se une o incremento en ata un 57 por cento máis da súa dotación económica, respecto ao ano 2024, para atender a máis familias e axudarlles nos gastos máis demandados como poden ser o pago do aluguer de vivenda ou da subministración, por citar algúns. Para a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, “a actualización desta normativa, -ata de agora as axudas concedíanse mediante decreto-, permite ao Concello de Lugo dispoñer dunha ferramenta reguladora que redundará na eficacia e no alcance deste tipo de achegas, o que ven a reafirmar o noso compromiso social coas persoas e familias lucenses en situación de vulnerabilidade”.

Coa aprobación desta ordenanza, a área de Benestar Social e Maiores “reforza a rede asistencial municipal, facéndoa máis completa, mellorando os servizos municipais e a protección social con esta ordenanza e cunha dotación económica que demostran a clara aposta do Concello de Lugo pola atención ás familias máis desfavorecidas do noso municipio”, sinala Olga López Racamonde. Neste sentido, a responsable desta área fai fincapé no incremento de determinadas partidas, como as destinadas a pagar os gastos derivados do aluguer das vivendas; do pago de subministración de luz, auga ou gas; ou os de alimentación, partidas ás que máis recursos se destinan dos reservados ás axudas de emerxencia social. De feito, López Racamonde lembra que as achegas para pagos da vivenda supoñen case o 80 por cento de todo o orzamento contemplado para estas achegas, moi por riba do 16 por cento destinado ao pago de alimentación. Precisamente, para estes capítulos, a nova ordenanza contempla incrementos importantes, dun 66 por cento, xa que dos 127.000 euros destinados en 2024 a este concepto, se estima que en 2025 poderanse dedicar a esta partida ata 211.000 euros. “A nova ordenanza adáptase á realidade e busca atender as principais demandas, como é axudar ao pago de aluguer da vivenda, que é precisamente unha das liñas ás que aplicamos eses incrementos. Outros conceptos, como os gastos en alimentación, poden suplirse coa atención que se presta no Banco de Alimentos, no Fogar de Transeúnte municipal, na Cruz Vermella ou en Caritas, cos que colaboramos, para que as persoas receptoras das axudas por emerxencia social non sexan penalizadas e poidan recibir as achegas para, por exemplo, o pago do aluguer”.

Un dos aspectos sobre os que chama a atención a responsable de Benestar Social e Maiores é o esforzo do Concello de Lugo para atender as principais demandas das persoas máis desfavorecidas. “Un esforzo que recolle esta nova ordenanza, ao establecer 800 euros máis ao ano para as familias que solicitan a achega para o pago de aluguer, que pasou dun máximo de 1.200 euros aos 2.000 euros anuais. O mesmo ocorre co capítulo destinado ao pago de subministración de luz, auga ou gas, que tamén se incrementa ata un máximo de 400 euros ao ano”.

Norma consensuada

A nova ordenanza que regulará as axudas de emerxencia social aprobarase proximamente, despois de case un ano de traballo, no que a área de Benestar Social e Maiores mantivo reunións con asociacións, axentes sociais e técnicos municipais para sacar adiante esta norma, dun xeito consensuado. Ademais de establecer eses incrementos nos capítulos máis demandados, a ordenanza nace cun control estrito, rigoroso e transparente, polo que os e as beneficiarias deberán acreditar a situación de emerxencia e cumprir tamén unha serie de obrigas.  

Olga López Racamonde mostrouse satisfeita por sacar adiante unha ordenanza que “vainos permitir prestar axuda ás familias lucenses máis desfavorecidas e incrementar as contías máis requiridas como pode ser a do aluguer. Coa implantación do Ingreso Mínimo Vital percibimos certo descenso no número de solicitantes destas achegas de emerxencia social, pero tamén é verdade que as demandas para o pago do aluguer están crecendo, ante a falta de políticas públicas da Xunta de Galicia, administración que ten as competencias neste ámbito”. Tamén contribuíron ao descenso no número de solicitantes, o feito de que “hai varios gastos que son cubertos polo Goberno central, como os de oftalmoloxía, de próteses, bucodentais ou o copago nas farmacias, o que nos permitiu incrementar outros máis solicitados como é o de aluguer”, sinala a edil.

Audio

  • A edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sobre a ordenanza de axudas de emerxencia social | Descargar mp3

Noticias relacionadas