O executivo de Lara Méndez reverte en 10 meses as disfuncións atopadas pola Intervención Municipal en materia de Persoal

A aprobación unánime da RPT, a implantación do sistema de fichaxe, a creación dunha bolsa para 42 categorías profesionais e a convocatoria de 96 concursos para a provisión de postos foron algunhas das medidas levadas a cabo até o momento.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, avanzou hoxe no Pleno que entre os obxectivos fixados pola alcaldesa, Lara Méndez, para os vindeiros meses se atopa a regularización do persoal da Escola de Música e a resolución dos procesos de emprego convocados.

Xoves, 25 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez reverte en 10 meses as disfuncións atopadas pola Intervención Municipal en materia de Persoal

A aprobación unánime e entrada en vigor da RPT. A posta en marcha do sistema de control horario do persoal municipal. A diminución en máis da metade do número de horas extraordinarias e a liquidación de todas as realizadas.

A convocatoria de 96 concursos de provisión de postos de traballo, de 45 comisións de servizos, a publicación de 21 bases específicas de prazas incluídas en OPE’s e a execución daquelas que se atopaban pendentes.

A creación dunha bolsa de emprego para 42 categorías profesionais con máis de 11.000 solicitudes tramitadas.

Este é o balance das actuacións de maior impacto levadas a cabo polo executivo de Lara Méndez nos últimos meses para emendar as disfuncións atopadas, ao prinpicio do mandato, pola Intervención municipal en materia de Persoal e que esta mañá resumía a concelleira responsable de área no transcurso da súa comparecencia en Pleno.

Unha intervención que Paula Alvarellos iniciou trasladando a radiografía dos Recursos Humanos do Concello de Lugo que, tras moitos anos dunha interpretación radical das leis estatais, e debido á transversalidade da propia área, estaba a condicionar o funcionamento global da administración.

A concelleira de Gobernanza deu conta, a continuación, dalgunhas das pautas artelladas pola alcaldía, para corrixir as anomalías detectadas, que pasaron “por restaurar a fluidez na negociación cos representantes sindicais, forma idónea de conseguir o avance dunha administración de todas e todos. Aprobamos unha RPT acorde á realidade actual e ás expectativas de futuro municipal, redistribuíndo efectivos entre servizos de acordo ás súas necesidades”.

“Conseguimos recuperar a ilusión do persoal en cambiar de posto de traballo e por progresar na súa carreira a través da correspondente convocatoria de provisión de postos. Porque tíñamos claro – sostivo Alvarellos Fondo - que resultaba indispensable dotar aos órganos de selección de criterios homoxéneos de actuación, permitindo o acceso, en rotación, do persoal a esos tribunais e reforzando a imparcialidade e pulcritude do seu funcionamento”.

Paula Alvarellos indicou, ademais, a dilixencia coa que se abordou a aprobación e execución das ofertas de emprego que se atopaban pendentes e puxo de manifesto o acordo que se alcanzou, previa negociación, de criterios - o máis obxetivos posible - para o pago de produtividades. “Sen esquecer que foi implantado un sistema de control de presenza das e dos traballadores, que dende hai moitos anos xa estaba operativo no resto de administracións”.

“Priorizamos a adopción dos mecanismos necesarios para conseguir substitucións áxiles, sen mermas na prestación dos servizos e respectuosos cos dereitos de acceso ao emprego público en condicións de igualdade, mérito e capacidade de toda a cidadanía. E así convocamos os procedementos de provisión regrados que esixe a normativa, e regularizamos todos aqueles casos nos que non se apreciou o cumprimento dos requisitos legais”, afirmou a edil.

“Facía falta tamén dotar de certa planificación os períodos de descanso aos que teñen dereito as e os traballadores, así como dotarse dunha regulación do teletraballo garantista co dereito á conciliación familiar dos mesmos”, engadiu.

Paula Alvarellos destacou, igualmente, que neste cometido o equipo de goberno recibiu a colaboración construtiva da maioría da representación sindical, con acordos históricos adoptados por unanimidade de todas as partes, como a aprobación da RPT ou a efectivización dos criterios de produtividade. E quero poñer en valor, alén, a implicación da práctica totalidade das e dos traballadores, que realizaron un labor extraordinario en circunstancias tan difíciles como as que recentemente nos tocou vivir”.

“En termos xerais – subliñou - Paula Alvarellos, obtivemos moitas mostras de vontade e predisposición dunha organización que se modernizou, que se actualizou e que se dotou daquelo que resultaba indispensable para achegarse e serlle útil á veciñanza. E que quere seguir avanzando”.

A concelleira de Gobernanza finalizou o seu argumentario aludindo aos obxetivos que o executivo de Lara Méndez pretende abordar nos vindeiros meses entre os que se atopa a regularización, conforme ao criterio determinado pola Asesoría Xurídica, do persoal da Escola de Música e a resolución de todos os concursos convocados, xunto ás promocións internas xa en execución e outras prazas de acceso libre, para que permitan o dimensionamento ideal da Administración”.

“Espero, en xeral, que todas as medidas adoptadas ata agora, e as que adoptemos nun futuro inmediato, fagan de Lugo unha cidade moderna, aberta e eficiente. Pero tamén esixo o debido respecto ás decisions xudiciais, ás que nos compracen e ás que non; ás que compartimos e ás que non;  e a aquelas que nos dan a razón e ás outras que nola quitan. Porque a única estratexia que ten este goberno ante as resolucións xudiciais é cumprilas, iso si, cando sexan FIRMES”, concluíu Paula Alvarellos.

Noticias relacionadas