O rexedor lembrou que “no último lustro, o Concello xestionou case 90 millóns de euros vinculados con proxectos de fondos europeos, dos que 33 foron aportados pola UE”.
O parlamentario europeo percorreu algunhas das zonas de Lugo nas que se centrará a nova estratexia para a unión da nova Intermodal con varios barrios e co centro histórico.
Miguel Fernández mostrouse “orgulloso de ensinarlle este ambicioso plan, co que avanzaremos na conversión dun Lugo para mellorar a vida da súa veciñanza”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un encontro hoxe en Lugo co eurodeputado socialista Nicolás González Casares, interesado en coñecer o proxecto Novo Norte, “a terceira gran transformación para a cidade, que se desenvolverá con fondos europeos, para o que Lugo xa obtivo a concesión de 8,7 millóns de euros”, explicou o rexedor. Fernández Méndez percorreu co parlamentario europeo algunhas dos barrios nos que se intervirá, e puxo o foco no importante labor de xestión realizado polo Concello de Lugo, que foi quen de “xestionar case 90 millóns de euros no último lustro, vinculados con proxectos de financiamento europeo, dos que 33,2 millóns de euros foron aportados pola UE”.
Miguel Fernández e o eurodeputado González Casares, xunto a varios concelleiros e concelleiras do Goberno Local, percorreron algúns dos barrios da cidade nos que se centrará a estratexia Novo Norte, como os da contorna da avenida da Coruña, onde o alcalde insistiu en que “suporá un antes e un despois na transformación e no desenvolvemento urbano de Lugo e máis en concreto, da zona máis habitada da cidade, como é a contorna da avenida da Coruña, na que nos atopamos”.
O alcalde puxo o foco “na capacidade de xestión deste Concello para executar o cento por cento dos fondos europeos, que no último lustro foron uns 33,2 millóns de euros”, e lembrou as importantes intervencións que se levaron a cabo na cidade, entre as que destacou o Plan Urban, coa recuperación do patrimonio como o Vello Cárcere como protagonista desta transformación, ou co Dusi-Miramiñae, un plan que supuxo a unión entre o río e o centro da cidade, favorecendo un Lugo máis cohesionado, accesible e aberto.
Co respecto ao último proxecto presentado desde o Concello de Lugo, o rexedor explicou a González Casares, que “o investimento total será de preto de 15 millóns de euros, destinados á modernización, accesibilidade e sostibilidade desta zona pero tamén dos barrios tradicionalmente illados pola vía do tren como As Gándaras, o Sagrado Corazón ou Paradai, que verán mellorados os seus accesos coa Intermodal, facilitando así a mobilidade e a unión do casco histórico coa nova estación”.
“Quixemos ensinarlle toda estas zonas e trasladarlle as nosas ideas desta nova estratexia, que en definitiva permitirá avanzar en proxectos que melloran a vida da xente e transforman a nosa cidade, ao tempo que seguiremos avanzando en proxectos xa iniciados como a Zona de Baixas Emisións, o Plan de Sostibilidade Turística, ou a xestión de residuos, entre outros”, sinalou o alcalde de Lugo.
Audios
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre Novo Norte | Descargar mp3
- O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, sobre Novo Norte | Descargar mp3

