O alcalde destaca o despregue deste servizo, cuxo persoal “comezará a traballar ás 05.30 da mañá, para garantir o bo estado da cidade e o desenvolvemento óptimo do evento”.
Miguel Fernández fai fincapé en que “este ano contaremos cuns medios técnicos e humanos sen precedentes, con 95 traballadores e traballadoras e preto de 50 vehículos”.
Nas semanas previas realizáronse tarefas de roza, fregado de beirarrúas, eliminación de pintadas e mantemento de mobiliario urbano, especialmente de papeleiras e contedores.

A chegada a Lugo de milleiros de visitantes para o Arde Lvcvs e o amplo programa de actividades programadas para a festa, esixe a posta en marcha de dispositivos especiais, como é o que deseñou o servizo municipal de limpeza, LuceLugo, que este ano incorpora máis medios técnicos e humanos, ademais de importantes novidades, como a recollida selectiva nos campamentos e instalacións propias da festa. Así o explicou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que puxo en valor “o gran despregue deste servizo, cuxo persoal comezará a traballar ás 05.30 horas da mañá nas xornadas fortes da festa, antes que en edicións anteriores, para garantir o bo estado da cidade e o desenvolvemento óptimo das actividades previstas no evento”. Ademais, o rexedor municipal destacou o feito de que “nesta edición contaremos cuns medios técnicos e humanos sen precedentes para asegurar a limpeza de rúas e prazas, xa que haberá 95 operarios e operarias e preto de 50 vehículos”.
Haberá reforzos para determinadas actividades, como nos desfiles nos que participen cabalos, nos espazos destinados a demostracións de oficios artesanais ou un operativo especial de limpeza intensiva na zona de Ramón Ferreiro, onde se sitúan os restaurantes.
Para realizar ditos traballos, empregaranse preto de 50 vehículos, na súa maioría eléctricos, a fin de reducir as molestias causadas polo ruído e ser máis sostibles desde o punto de vista ambiental. As e os operarios de varrido manual irán en triciclos eléctricos para poder chegar a todas as zonas e cubrir a limpeza no menor tempo posible. Para acometer a limpeza mecánica, este servizo municipal utilizará entre outros medios varredoras de calzadas de gran capacidade, varredoras eléctricas de beirarrúas, triciclos eléctricos, baldeadoras eléctricas de beirarrúas, equipos con baldeo a presión, cisternas de rega e baldeo, furgóns eléctricos, camións de caixa aberta e vehículos auxiliares eléctricos.
Tamén está prevista a instalación de illotes de contedores con varias fraccións de reciclaxe que se recollerán frecuentemente. Incrementarase tamén o número de contedores e estarán operativos todos os soterrados da zona interior da muralla. Coa finalidade de facer unha festa máis sostible, nos campamentos e puntos de xeración de residuos, colocaranse contedores de fracción resto, fracción bolsa amarela e fracción orgánica. Ditos contedores terán que estar fóra dos campamentos a partir das 05:30 para a súa recollida.
Planificación diaria
Para o primeiro día da festa, o xoves 12, instalaranse todos os contedores previstos e realizarase unha limpeza previa e intensiva ao percorrido de entrada das tropas no centro da cidade, así como en todas as localizacións dos campamentos romanos. No que respecta ao venres 13, durante a mañá farase limpeza de toda a zona centro e baleiraranse todos os contedores instalados.
O sábado 14, os servizos de limpeza e recollida comezarán a traballar ás 05.30 horas para, desta maneira e no menor tempo posible, deixar as zonas da festa en óptimo estado para continuar coas celebracións previstas. Realizarase un dispositivo especial para a limpeza de botellóns, con vehículos eléctricos auxiliares e persoal. Ademais, antes da celebración de desfiles realizarase unha limpeza exhaustiva do percorrido.
No que respecta ao última xornada festiva, a do domingo, a limpeza comezará de novo ás 05.30 horas. Realizarase un servizo especial e intensivo de limpeza na praza Horta do Seminario, debido á celebración dos actos da noite anterior empregando para iso medios mecánicos e humanos, ademais de desenvolver un plan de limpeza de botellóns similar ao do día anterior. Prestarase especial atención á limpeza da muralla, concretamente na zona do adarve, polas actividades desenvolvidas na noite do sábado. Durante a tarde do domingo farase un plan de limpeza especial.
Tarefas previas e última fase
Desde finais do mes de maio e durante o mes de xuño realizáronse traballos de fregado de alta presión nas beirarrúas, prazas e zonas peonís; tarefas de roza manual e mecánica; limpeza profunda de todas as papeleiras; eliminación de pintadas; e colocación de contedores nas zonas dos campamentos e na explanada do pavillón municipal. Ademais, colocáronse illas emerxentes nas que se poderán depositar residuos de maneira selectiva na praza Horta do Seminario, rúa Anxo López Pérez, praza Santo Domingo e parque Rosalía.
O luns día 16 e seguintes, desde primeira hora realizarase a limpeza e a recollida de residuos de todas as zonas nas que se desenvolveron actividades do Arde Lucus. Recolleranse todos os contedores e illotes colocados para a ocasión, contando para iso cos vehículos necesarios como camións recolectores, furgóns eléctricos ou camións de caixa aberta. Farase un plan de limpeza especial, consistente en tarefas de varrido manual para retirar os residuos, complementados con varredoras, tanto de beirarrúas como de calzadas. Así mesmo, procederase á recollida de residuos en todas as zonas de instalación dos campamentos.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o dispositivo de limpeza no Arde Lvcvs | Descargar mp3


