O control policial a establecementos públicos nos últimos dez meses se salda con 62 denuncias e 8 locais precintados

A rexedora, Lara Méndez, e o Intendente da Xefatura de Lugo, Jesús Piñeiro, presentaron un balance das 115 inspeccións que a Policía Local, coordinada dende Alcaldía, desenvolveu dende o 22 de abril, cando finalizaron as restricións sanitarias á hostalaría.

A alcaldesa informou tamén de que, logo das diferentes actuacións levadas a cabo polos axentes, o Concello acaba de revogar a licenza dunha discoteca sita en Doutor Fleming.

Xoves, 02 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O control policial a establecementos públicos nos últimos dez meses se salda con 62 denuncias e 8 locais precintados

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comparecía esta mañá xunto ao Intendente da Xefatura da Policía Local, Jesús Piñeiro, para facer un balance das intervencións desenvolvidas por este Corpo nos últimos meses no que ten que ver co control a establecementos públicos e que se saldou, dende o pasado 22 de abril – data na que se deu por concluída a fase aguda da pandemia – con 62 denuncias e 8 locais precintados.

“Queremos poñer en valor o traballo desenvolvido e dar conta dos resultados da tarefa previa de coordinación que Alcaldía e Policía realizamos conxuntamente cada semana cun claro obxectivo: garantir a convivencia e a seguridade cidadá, atendendo tamén ás inquedanzas veciñais”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez explicou que, trala recuperación da normalidade, logo de considerarse superada a crise sanitaria, e co progresivo levantamento das diferentes restricións, unha parte importante das funcións que os axentes exerceron durante estes meses foi a de atender as queixas por altercados e ruídos relacionados cun número moi minoritario de locais de hostalaría.

“O cumprimento da normativa pola que se rexen estes negocios é para nós unha preocupación fundamental, de maneira que a directriz establecida dende o inicio do mandato foi a de estreitar a vixilancia aos mesmos cos dispositivos que resulten necesarios para poñer fin aos prexuízos que poidan ocasionar. Sempre dentro das competencias que nos corresponden, queremos enviar unha mensaxe, tranquilizadora á sociedade pero contundente con aqueles que contraveñen a lei, de que o Concello de Lugo e a Policía Local están a actuar para conxeniar o beneficio empresarial cos dereitos de todas e todos, tanto ao ocio como ao descanso, porque os tres ámbitos deben ser compatibles”, afirmou a alcaldesa.

Deste xeito, Jesús Piñeiro detallou que as 115 inspeccións que se levaron a cabo a establecementos nos últimos dez meses se saldaron con 21 actas de infracción por exceder o horario de peche, 14 actas por ter instalado un equipo de reprodución musical sen autorización, 7 actas por non dispoñer de título habilitante e outras tantas (7) por exercer a actividade coas portas abertas cando, pola súa categoría, o teñen prohibido, alén doutra máis (1) por sacar consumicións á vía pública e unha ducia (12) por infrinxir a normativa de espectáculos públicos.

Do conxunto destes controis (115), 47 se centraron en locais do recinto amurallado e os 68 restantes se levaron a cabo en establecementos asentados en 15 rúas da capital, 5 delas pertecentes ao barrio da Milagrosa. Sendo a rúa Galicia a que concentra un maior número de intervencións (23), seguida pola rúa Catedral (14).

O Intendente Xefe referiu, igualmente, que neste tempo se precintaron 8 locais, entre os que figura un centro de hípica que carecía de licenza. Dos sete restantes, correspondentes co sector hostaleiro, 2 se atopan no Centro Histórico (rúa Catedral); outro na Milagrosa (rúa Pintor Villamil) e os outros catro se ubican en diferentes zonas da cidade: rúa Galicia, San Roque, Salvador de Madariaga e Doutor Fleming.

Respecto a este último, a rexedora, Lara Méndez, anunciou que o Concello vén de revogarlle a licenza a esta discoteca logo de notificarlle o pasado setembro a suspensión de actividade por considerar probado que con ela incorría reiteradamente en episodios de contaminación acústica.

“Este negocio foi denunciado en diferentes ocasións que derivaron nun total de 9 intervencións por parte da Policía Local e na apertura dun expediente que remata, finalmente, coa perda de validez do título habilitante do que dispoñía, cumprindo así o compromiso dado ás e aos residentes da zona, cos que me reunín en varias ocasións, de actuar categoricamente contra os establecementos que inciten á comisión de altercados”, manifestou Méndez.

Este non é o único local que pecha as súas portas por determinación municipal ante a comisión de infraccións de forma continuada, senón que en decembro de 2020 se decretaba a ineficacia da licenza dun café – bar de Camiño Real, e se abriron senllos expedientes ás cafeterías La Máquina (Camiño Real) e La Barrica (Salvador de Madariaga) ante a proliferación de disturbios que propiciaban na contorna.

Antes de rematar, a alcaldesa anunciou un reforzo dos dispositivos de vixilancia, especialmente nas localizacións máis conflitivas da capital e destacou a implicación dos efectivos do Corpo no desempeño do seu labor, un cometido no que se incluíu a colaboración estreita coa Policía Nacional a través da realización de dispositivos conxuntos.

“A coordinación das forzas de seguridade en Lugo é permanente – sostivo Lara Méndez – na procura de atallar calquera problemática que altere a tranquilidade da veciñanza ou comprometa a convivencia pacífica coa que nos identificamos as e os lucenses”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o balance do control a establecementos | Descargar mp3
  • O intendente da Xefatura da Policía Local, Jesús Piñeiro, sobre o balance do control a establecementos | Descargar mp3

Noticias relacionadas