O Concello tivo que valar o Cuartel de San Fernando para garantir a seguridade dos peóns

Mércores, 07 de maio de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, explicou hoxe que o Concello viuse na obriga de valar o Cuartel de San Fernando por razóns de seguridade e para evitarlle riscos ós viandantes.

Luis Álvarez censurou a desidia da Xunta respecto deste inmoble, a pesar de que o Goberno galego declarouno Ben de Interese Cultural no ano 2009, e a Consellería de Cultura organizou un concurso de ideas para convertilo na futura sede do Centro da romanización e explicou que esta pasividade do Goberno galego provoca “unha situación de abandono e deterioro progresivo do Cuartel de San Fernando polo que todos os lucenses imos ter que facernos cargo das tarefas de mantemento necesarias para que o edificio non continúe co deterioro no que está sumido dende hai varios anos”.
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente lembrou que Goberno local tivo que encargarlle á empresa municipal Evislusa un informe sobre o estado actual do inmoble e as tarefas necesarias para que non entre nunha situación peor da que xa está.
“Actuamos en dúas liñas, unha relativa ós xacementos arqueolóxicos e outra referida á estrutura do edificio”, explicou Luis Álvarez. 
En canto ós restos arqueolóxicos, o Concelleiro anunciou que o Servizo municipal de Arqueoloxía xa fixo unha proposta, consensuada cos técnicos de Cultura da Xunta, que consiste en tapalas excavacións tun tecido xeotextil. 
E no caso da estrutura do edificio, nas inspecións que levaron a cabo ós técnicos municipais detectouse que unha viga de madeira do teito está rota, o que podería chegar a provocar un problema de seguirade para os peóns se chegara a caer parte do tellado na rúa. Para previr ese risco, o Concello vén de instalar as valas protectoras mentres non se levan a cabo as tarefas de mantemento que, como mínimo, suporán o apuntalamento desa parte do tellado do edificio, salientou Luis Álvarez.

Noticias relacionadas