O Concello solicitará a declaración de Espazo de Interese Local do humidal das Gándaras para mellorar a protección e o uso social desta xoia natural

A Alcaldesa anunciou no Día Mundial dos Humidais esta medida, impulsada polo Concello no marco do proxecto Life Lugo+Biodinámico, que sitúa á cidade na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción

O Goberno levará ao Pleno en febreiro a proposta para obter este recoñecemento, o primeiro do municipio e o segundo da provincia tras o de Loio, en Paradela, despois de acometer a recuperación do humidal

A Alcaldesa anunciou no Día Mundial dos Humidais esta medida, impulsada polo Concello no marco do proxecto Life Lugo+Biodinámico, que sitúa á cidade na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción

O Goberno levará ao Pleno en febreiro a proposta para obter este recoñecemento, o primeiro do municipio e o segundo da provincia tras o de Loio, en Paradela, despois de acometer a recuperación do humidal

Sábado, 02 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello solicitará a declaración de Espazo de Interese Local do humidal das Gándaras para mellorar a protección e o uso social desta xoia natural

No Día Mundial dos Humidais, a Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este sábado que o Concello levará ao vindeiro Pleno de febreiro a solicitude á Xunta para a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do humidal das Gándaras-O Ceao co fin de mellorar a protección ambiental e o uso social desta “xoia natural”, subliñou a rexedora, quen compareceu xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, o catedrático da USC Antonio Rigueiro, e Marco Rubinos, da xerencia do proxecto Life Lugo+Biodinámico.O das Gándaras será o primeiro ENIL do municipio e o segundo da provincia, xunto co de Loio Ruxidoira, en Paradela.

O Goberno promove este recoñecemento dun dos grandes patrimonios naturais do municipio no marco da implantación do Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia financiada con fondos europeos que lidera o Concello e conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid. Este proxecto sitúa á Lugo na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción.

Despois dos labores de recuperación do humidal acometidas no marco deste programa nos últimos meses, “agora estamos xa en disposición de pedir a declaración de ENIL ao Goberno galego, administración que posúe as competencias de conservación da natureza”, asegurou a Alcaldesa, “e unha vez que obteñamos a declaración, poderemos desenvolver o Plan de Conservación e Uso Público deste espazo, co que se ampliarán as medidas específicas de xestión ambiental como as que xa viñemos realizando nesta xoia natural de 5 hectáreas”.

Fins sociais, divulgativos e investigadores

“A conservación destes lugares require medidas de protección, pero non se trata de impedir que se goce deste espazo, senón todo o contrario. Pasa a integrarse no paseo periurbano da cidade para que a cidadanía poida descubrir este gran patrimonio natural, que se acondiciona non só para preservar a súa rica diversidade de fauna e flora, senón tamén con fins divulgativos e investigadores e, desde logo, tamén para o esparexemento dos lucenses e visitantes”, explicou Lara Méndez

Para iso, engadiu, “completaremos os traballos xa realizados coa señalética e con paneis que explicarán a historia e diversidade deste humidal, de gran importancia ecolóxica porque permite regular a temperatura da auga, suxeita o terreo e achega refuxio e alimento aos animais acuáticos, anfibios e terrestres”.

Alta biodiversidade

A pesar de atoparse nun enclave onde as condicións ambientais son pouco favorables, entre os polígonos industriais que a rodean, a zona de actuación presenta unha paisaxe propia e única característica dos humidais e bosques de ribeira, cunha elevada biodiversidade vexetal e faunística concentrada nunha pequena superficie, o que lle confire un alto valor ambiental, paisaxístico e social a preservar.

A riqueza faunística deste espazo confórmana especies animais diferentes pertencentes a 36 familias, das que 28 están protexidas como o sapillo pintojo, a culebra lisa ou os morcegos hortelano e rabudo. En canto á flora, atópanse 130 especies diferentes pertencentes a 40 familias.

Os valores naturais presentes nesta xoia que se pretende propoñer como ENIL son ademais hábitats naturais de interese comunitario polo seu especial valor de conservación e grao de ameaza en Europa.

No caso do humidal hai tres hábitats prioritarios para a conservación, un caso pouco común en contornas urbanas. Trátase de bosques aluviais de aliso e fresno; de robledais galaico portugueses e de prados de sega de baixa altitude.

Entre as actuacións de recuperación desenvolvidas, destacan:

  • A roza do sotobosque para acceder ao interior do humidal e desenvolver as actuacións de restauración e mellora.
  • A eliminación de especies exóticas arbóreas, que causan impacto sobre a flora autóctona e tamén supoñen un impacto paisaxístico sobre o humidal.
  • A eliminación de especies arbustivas exóticas, concretamente o arbusto das bolboretas, con gran capacidade de colonizar espazo da flora autóctona.
  • A eliminación de verteduras incontroladas: Localizáronse diferentes lugares onde se atopaban vertedoiros incontrolados.
  • O control da vexetación que presente danos ou estea morta e supoña unha ameaza para o resto de vexetación e plantacións de especies autóctonas propias da flora do humidal.

Segundo explicou Antonio Rigueiro, coordinador desta liña de actuación do Life, Galicia conta con 1.100 humidais, dos cales o 31% están en Lugo, cunha superficie de 70.000has, o 43% na provincia. Entre os beneficios destes espazos naturais destaca a biodiversidade que albergan, a calidade das augas, e a capacidade para previr desastres naturais porque suxeitan o terreo e para combater o cambio climático.

Os traballos de recuperación do humidal das Gándaras-O Ceao xa feitos e a declaración de Espazo Natural de Interese Local que solicitará o Concello forman parte do proxecto Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia a través da que se creou xa un novo pulmón verde urbano de 14hs entre os dous polígonos industriais coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego); construirase o primeiro edificio público de Galicia con madeira galega, que é a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, na Garaballa; e crearase un catálogo de solucións urbanas para a adaptación ao cambio climático exportable a calquera cidade de Europa.

Video

Noticias relacionadas