O Concello saca a licitación o mantemento das vías municipais por 185.000 euros

O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP

Mércores, 09 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello saca a licitación o mantemento das vías municipais por 185.000 euros

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a contratación mediante lotes da subministración e transporte de áridos reciclados, de zahorra e de gravilla para regos co fin de levar a cabo as obras de mantemento das vías de titularidade municipal. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que a licitación se fará por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como explicou Fernández, o contrato terá vixencia dun ano, podendo prorrogarse como máximo por outro. O valor estimado do contrato para a totalidade dos tres lotes é de 185.123,96 euros -12.000 euros para o Lote 1, e 50.000 para o Lote 2 e 3, respectivamente-.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Cafetería do centro Uxío Novoneyra

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno adxudicou a explotación da cafetería situado no Centro de Convivencia Municipal Uxío Novoneyra, recibindo o Concello un canon mensual de 385 euros. O prazo máximo de duración do contrato é de 2 anos.

O horario de apertura da cafetería será acorde co horario do centro de convivencia, e como mínimo de luns a venres das 08:30 a 14:00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas. Dito horario poderá ser ampliado aos sábados pola mañá en horario de 09:30 a 13:30, sempre e cando as instalacións municipais permanezan abertas.

Bonificación polígono das Gándaras

Fernández tamén avanzou a concesión da bonificación do 50% da cota do imposto para construcións, instalacións e obras para a construción dunha nave industrial de planta baixa e unha planta alta para taller de carpintería de aceiro inoxidable no polígono das Gándaras. Procederase á devolución da cantidade ingresada en concepto deste imposto, por importe de 2.596,51 euros.

Reclamacións e suxestións

Na Xunta de Goberno desta mañá tamén se deu conta do informe mensual correspondente a febreiro das reclamacións e suxestións presentadas no Concello. Neste período recibíronse 3 reclamación e 2 suxestións.

As reclamacións corresponden ás dependencias de Transporte, Arquivo e Tesourería. Por outra banda, as suxestións refírense á Policía Local. Das 3 reclamacións, unha está resolta e dúas pendentes e en prazo. As 2 suxestións están resoltas.

Padroado Fundación San Calixto

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno acordou nomear aos representantes municipais no padroado da Fundación San Calixto, do que formarán parte a Alcaldesa, que en caso de ausencia será substituída pola Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto; a Concelleira Isabel Devesa, que será substituída polo resto de concelleiros do Grupo Municipal do PP por orde da candidatura, o edil Jesús Expósito, que será substituído por Olga Louzao e Carlos Portomeñe. 

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o mantemento das vías municipais|Descargar mp3

Noticias relacionadas