O Concello rexenerará o firme de doce parroquias de Lugo nun prazo de tres meses

Mércores, 17 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación das obras de rexeneración de firmes en doce parroquias do Concello de Lugo: O Veral, San Pedro de Soñar, San Pedro de Santa Comba, Santiago de Saa, Santiago de Piugos, Santa María de Bóveda, San Pedro de Calde, Santa María Magdalena de Coeses, Santabaia de Esperante, San Miguel de Orzabai, Santiago de Meilán e San Martiño de Ombreiro.

O Voceiro do equipo de Goberno, José Rábade, explicou que as obras se executarán nun prazo de 3 meses e recibirán un investimento de 184.305 euros. A contratación recolle a reconstrución do paquete de firme en todo o seu espesor, coa limpeza de bordes, cunetas e tajeas, restablecendo o drenaxe lonxitudinal e transversal e evitando os efectos nocivos da auga sobre as pistas municipais.

Esta actuación enmárcase no obxectivo do Concello de desenvolvemento da zona rural de Lugo, compromiso recollido ademais no FEIL e que conta cun orzamento de 3.759.446 euros para a súa execución.

Ademais, no relativo á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno aprobou unha licenza de actividade e de obra, catro licenzas de parcelamento, 11 licenzas de obras e unha de primeira utilización. Entre as licenzas de obra figura a licenza para obras varias de restauración da Muralla Romana por parte da Concellería de Cultura e Deporte por un importe 152.263 euros.

Na área de Economía e Emprego aprobouse a contratación da explotación da cafetería anexa á piscina municipal cuberta do Campus Universitario “As Pedreiras”. O canon establécese nun mínimo de 800 euros mensuais. A cafetería deberá estar aberta, como mínimo, no horario de apertura das piscinas, así como para atender as competicións que se desenvolvan nas pistas de Atletismo Gregorio Pérez Rivera.

Multimedia

Noticias relacionadas