O Concello reorganiza os servizos municipais para gañar axilidade e operatividade na contratación pública

O servizo de Contratación encargarase de coordinar o traballo dende o inicio ata a finalización da contratación, durante o que incidirá no cumprimento dos prazos legais para evitar prestar servizos co contrato xa vencido

A entidade local selecciona persoal co fin de cubrir prazas de Enxeñeiro Técnico Industrial e para elaborar unha lista para a cobertura de prazas de electricista

A Xunta de Goberno aprobou a licitación da conservación das fontes ornamentais e a prórroga do mantemento de cabinas sanitarias en zonas verdes ata o 2 de maio de 2017, por 36.000€ e 18.000€ respectivamente para o 2016

Mércores, 20 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reorganiza os servizos municipais para gañar axilidade e operatividade na contratación pública

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou unha instrucción dirixida a todos os Servizos Municipais do Concello que leva consigo unha serie de medidas de reorganización para gañar axilidade e operatividade nos procedementos de contratación pública do Concello, tanto no deseño dos contratos, como no seu desenvolvemento e execución, ademais de mellorar o control do seu cumprimento. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que “o Goberno quere desconxestionar a actual situación, evitar dilacións indebidas que obriguen a operar servizos sen contrato en vigor e clarificar funcións”.

Tal e como avanzou Fernández, o servizo de Contratación, como departamento transversal nesta materia, encargarase de coordinar o traballo dende o inicio ata a finalización da contratación pública, durante o que incidirá especialmente no cumprimento dos prazos legais, para evitar prestar servizos co contrato xa vencido.

“Con esta instrucción que aprobamos non pretendemos evitar o necesario debate sobre a municipalización de servizos, nin, por suposto, modificar os expedientes de municipalización iniciados”, reiterou o edil, quen fixo fincapé nos tres piares fundamentais nos que se asenta esta instrución:

  1. Redacción dos Pregos

Da redacción dos pregos técnicos que rexen a contratación encargaranse os Xefes ou Responsables dos distintos servizos ou seccións aos que afecta a contratación, pois son, evidentemente, os que mellor coñecen as necesidades a satisfacer. Isto, sen prexuízo da distribución interna do traballo que efectúe cada servizo ou sección.

Na propia instrucción establécese con detalle a nova distribución dos pregos técnicos de contratación entre os diferentes servizos ou seccións. Por exemplo, Benestar Social ocuparase dos pregos dos servizos de axuda no fogar e xantar no fogar, da prestación do servizo no centro de día Antonio Gandoy...; Educación encargarase dos pregos dos servizos de cociña das escolas infantís...; Medio Ambiente, do mantemento e conservación das áreas de xogos infantís, xardíns e zonas verdes, control de calidade da auga, limpeza viaria...; Infraestruturas, do servizo de limpeza nas instalacións municipais e nos colexios, desbroce de pistas, conservación e mantemento de iluminación pública...

  1. Responsable de Contrato

Nas propostas de pregos técnicos, que serán remitidas ao Servizo de Contratación, incluirase a persoa Responsable do Contrato correspondente e, no caso de que non se faga mención ao mesmo, será a Xunta de Goberno, como órgano de contratación, a que nomee ao Responsable do Contrato, coas funcións que lle atribúe a normativa de contratación pública vixente e, en especial, supervisará a súa execución co fin de asegurar que se realice correctamente a prestación pactada e tamén de axilizar a solución das incidencias que puideran xurdir, podendo adoptar para elo as decisións e ditar as instruccións que sexan necesarias.

Para reforzar o labor dos Responsables de Contrato crearase unha oficina de apoio composta por persoal técnico cualificado, que realizará tanto tarefas de campo como de revisión documental, o que garantirá unha supervisión continua e rigorosa da prestación do servizo e do cumprimento das súas condicións, sobre todo das cláusulas sociais e laborais dos traballadores.

  1. Supervisión e control da duración dos contratos

O Servizo de Contratación deseñará un calendario anual a finais de cada exercizo, no que se marcarán as datas de finalización dos contratos ou das súas posibles prórrogas do ano seguinte, un calendario que será remitido aos distintos servizos para o seu cumprimento.

Os servizos correspondentes deberán ter redactado o prego técnico con tres meses de antelación á finalización do contrato ou das súas posibles prórrogas, velando porque esta Administración non incorra na continuidade da prestación ao marxe do contrato vixente. No caso de que nese prazo non se dispoña dun prego técnico, deberán comunicalo ao Servizo de Contratación cos motivos técnicos, persoais ou de calquera outra índole que o xustifiquen, do que se dará conta á Xunta de Goberno para a adopción das medidas legais pertinentes.

Así mesmo, o Servizo de Contratación elaborará un informe anual no primeiro mes de cada exercizo, que remitirá á Xunta de Goberno Local, no que se detallará, en relación ao calendario anual de vixencia dos contratos públicos do ano anterior, o estado de tramitación dos mesmos, cos motivos que xustificaron os atrasos no seu caso.

“Cremos que con esta serie de medidas de reorganización e mellora poñeremos fin á prestación de servizos fóra de contrato e reforzaremos de maneira moi importante o control e supervisión dos contratos, co que reduciremos custes e gañaremos en calidade”, concluíu Miguel Fernández.

Selección de persoal

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou aprobar as bases que teñen por obxecto rexer a convocatoria tanto dun proceso selectivo para a cobertura interina de prazas de Enxeñeiro Técnico Industrial, como para a elaboración dunha lista para a cobertura interina de prazas de funcionario na categoría oficial de electricista.

Os anuncios das convocatorias faranse públicos no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. O prazo de presentación de instancias para ambas as dúas convocatorias, que se realizarán no Rexistro Xeral do Concello, será de 10 días naturais dende a publicación do BOP.

Mantemento e conservación das fontes ornamentais

Tal e como se anunciara onte, a Xunta de Goberno abriu o proceso de adxudicación do servizo de limpeza, reparación, mantemento e conservación das fontes ornamentais, que se fará por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

As tarefas de conservación e mantemento, que afectarán a 8 espazos, contarán cun orzamento de 36.000 euros para o 2016 e a duración do contrato será dun ano, podendo prorrogarse por outro ano máis. Os traballos acometeranse na Fonte da Medusa, na Avenida Garabolos; na Fonte Cibernética –Fonte dos Ranchos-; na Fonte dos Leóns, na Praza de Avilés; na Fonte do Rei, na Praza do Rei; na Fonte de Augas Férreas, na Praza de Augas Férreas; na Fonte das Rás, situada nos Xardíns García Morato; na Fonte da Praza do Campo e na Fonte da Pinguela, na Rinconada do Miño. Neste último caso, o mantemento farase conforme as especificacións que marque e indique a Xunta de Galicia.

A empresa adxudicataria realizará o mantemento preventivo de bombas, de cadros eléctricos, da instalación do alumeado, así como outras operacións, como a inspección do seu estado, a limpeza de vasos, sumidoiros ou rexillas e o baleirado de vasos e paredes, entre outros. Estes labores faranos con periocidade semanal, quincenal, mensual, trimestral, semestral ou anual, dependendo do tipo de operación.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Prórroga do contrato do mantemento das cabinas sanitarias

Este mércores a Xunta de Goberno, entre outros asuntos, tamén acordou prorrogar o contrato correspondente ao alugamento e mantemento de 10 cabinas sanitarias para instalar en zonas verdes por un período que vai dende o 3 de maio de 2016 e ata o 2 de maio de 2017, por un importe de 18.076 euros para esta anualidade.

Cambio de nome do CEIP Virxe da Soidade

A Xunta de Goberno deu luz verde ao cambio de nome do CEIP Virxe da Soidade, polo nome do CEIP As Gándaras. O cambio, solicitado polo director, foi xa aprobado no Consello Escolar. De seguido, presentarase na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a reorganización dos servizos municipais |Descargar mp3

Noticias relacionadas