O Concello ofrece mañá un servizo de bus urbano gratuíto para o II Festival do Leite

"Ofrecemos un transporte alternativo para que a veciñanza non teña que coller o coche para acudir a este festival que reivindica o peso do sector lácteo en Galicia", tal e como indicou Miguel Fernández

Este servizo funcionará dende as 12:30 horas da mañá cunha frecuencia de media hora, ata a 1 da madrugada. O punto de saía será a Ronda da Muralla, en fronte a Sindicatos

Venres, 22 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ofrece mañá sábado, 23 de setembro, un servizo de bus urbano gratuíto para o II Festival do Leite, un evento familiar no entorno do Pazo de Feiras e Congresos que reivindica o peso do sector lácteo en Galicia.

O Voceiro Municipal, e Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, informou que o servizo se iniciará ás 12:30 horas da mañá, con saída de cada 30 minutos dende a Ronda da Muralla (fronte a Sindicatos), pasando por Ronda da Muralla (fronte á Porta de San Fernando), Ronda da Muralla (Esquina con Camiño Real), Rúa Ourense, Rúa Tui, Praza Fonte dos Ranchos, Avenida das Américas e Pazo de Feiras e Congresos. A volta, dende as 12:45 horas, sairá do Pazo de Feiras e  Congresos, pasando por Avenida das Américas, Praza Fonte dos Ranchos, Rúa Doutor Gasalla, Fogar de Santa María, Porta de Santiago, Rúa Vilalba, Rúa Angel López Pérez, Ronda da Muralla (fronte a Arenal) e finalizando na Ronda da Muralla (fronte a Sindicatos). As paradas son todas as coincidentes no itinerario. O último autobús sairá á 01:00 dende o Pazo de Feiras.

Fernández destacou que "ofrecemos un transporte alternativo para que a veciñanza non teña que coller o coche para acudir a este festival que reivindica a importancia dun sector tan imprescindible para Lugo e para Galicia como é o lácteo".

O Concello colabora con esta cita, que entre a ampla oferta de música e actividades culturais, contempla a actuación de Siniestro Total, Caxade, Os Amigos dos Músicos, Escuchando Elefantes, Terbutalina ou Atrás Tigre, entre moitos outros. Tamén actuará Xosé Antonio Touriñán, o famoso humorista gráfico Luis Davila, e haberá programación infantil e diversas foodtrucks que ofrecerán servizo de xantar.

Os beneficios económicos do Festival do Leite destinaranse a axudar ás persoas refuxiadas. A organización pídelle ás persoas asisten que aporten algún produto alimentario de primeira necesidade que se destinará aos Bancos de Alimentos.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o II Festival do Leite | Descargar mp3

Noticias relacionadas