Rubén Arroxo presenta o novo Plan de Mobilidade do Concello de Lugo, "unha actualización cos cambios nas tendencias de mobilidade en Lugo e cunha interesante folla de ruta para seguir mellorando a cidade"

A nova edición do plan, aprobado hoxe en Xunta de Goberno, adáptase ás últimas directivas europeas e á Lei de Cambio Climático, creando unha zona de baixas emisións na contorna da Muralla.

Arroxo: "trátase dunha actualización do plan de mobilidade que segue a avanzar cara a un Lugo Peonil, propoñendo cuestións como a peonalización da Ronda da Muralla entre a Avenida da Coruña e Bispo Odoario".

Mércores, 03 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo presenta o novo Plan de Mobilidade do Concello de Lugo, "unha actualización cos cambios nas tendencias de mobilidade en Lugo e cunha interesante folla de ruta para seguir mellorando a cidade"

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou o novo Plan de Mobilidade do Concello de Lugo de 2025, que foi aprobado na Xunta de Goberno de hoxe e que consiste nunha "actualización do plan de mobilidade existente, adaptándoo á Directiva Europea 2015/1480 e á Lei do Cambio Climático de 2020", explicou. Entre outros obxectivos, inclúese un avance na descarbonización de cara a 2030, "intentando chegar ao obxectivo de 2050 de cero emisións de CO₂ e de cero mortes por atropelos ou accidentes de tráfico nas zonas urbanas para 2050, e tamén avanzar nos servizos intelixentes de mobilidade, con información en tempo real dos fluxos de tráfico", afirmou o tenente de Alcalde. A Lei de Cambio Climático, entre outras cousas, obriga a crear zonas de baixas emisións para concellos superiores aos 50.000 habitantes, como é o caso de Lugo, "este plan xa define define a zona de baixas emisións no entorno da Muralla", afirmou Arroxo, que engadiu "a lei aposta pola electrificación do transporte público, que tamén se recolle neste plan, e insiste en algo que xa contemplaba o plan anterior: a creación das supermazás, facendo cidade en función dese modelo".

"Moitas das medidas que recolle xa están en marcha, como as relacionadas cos itinerarios escolares, e trátase de seguir avanzando nelas", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "tamén se está a buscar solucións ás peonalizacións previstas e á ampliación de beirarrúas, porque se considera que hai rúas con problemas de accesibilidade ou de fluxos peonís importantes".

O novo plan recolle o avance dado nos últimos anos mellorando os espazos peonís: "houbo un incremento dun 45% da superficie peonil e un incremento nas liñas de bus, tendo en conta que antes a maioría dos barrios estaban conectados con frecuencias de cada hora e agora están cada 30 minutos", dixo Rubén Arroxo. Analízase que o uso do transporte público é inferior ao que debera ser e que o uso do vehículo privado é superior ao desexable, polo tanto, o plan pon como obxectivos reducir o uso do coche privado, incrementar os desprazamentos a pé e en transporte público, "co fin de mellorar a calidade do aire e do ruído, así como a accesibilidade urbana, con medidas da chamada cidade de 15 minutos e dunha mobilidade máis segura", explicou. O documento recolle tamén as novas peonalizacións que se fixeron dende o documento anterior.

Tamén fai propostas de peonalización que xa estaban contempladas no plan previo, como a peonalización do treito da Ronda da Muralla entre a Avenida da Coruña e a Porta de Bispo Odoario, e explica como regular o tráfico para conseguir esa peonalización. Trae outro tipo de medidas importantes, como avanzar nas plataformas únicas de preferencia peonil, avanzar na creación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade e accesibilidade, protexer os itinerarios escolares e ampliar beirarrúas. "De feito, marca deberes nalgunhas rúas concretas, e fai propostas de mellora na mobilidade vertical a través de ascensores ou rampas mecánicas", declarou o tenente de Alcalde.

O plan de mobilidade contempla medidas para fomentar o uso da bicicleta creando novas vías de preferencia ciclista non segregadas, como na Avenida da Coruña, na Avenida de Madrid, en San Roque, na Estrada da Granxa ou Fontiñas. Faise unha análise do transporte público e valórase positivamente o incremento de frecuencias dos buses nos barrios, que pasaron dunha hora a 30 minutos, "e considera que está moi ben comunicado o entorno da Avenida da Coruña e da Ronda da Muralla" dixo Arroxo. O plan propón melloras para a comunicación de Fontiñas, e marca como obxectivo acadar frecuencias de buses de 15 minutos como mínimo en todos os barrios e puntos principais da zona urbana. Tamén analiza a distribución de cargas e descargas e menciona posibles colocacións de puntos loxísticos dentro do concepto de supermazás, con sistemas de reserva intelixente de carga e descarga mediante sinalización luminosa variable para facelos máis eficientes segundo a demanda.

O plan propón medidas para seguir reducindo o tráfico da Ronda da Muralla e fai unha análise das zonas de estacionamento da cidade. No momento de realizar o estudo, Lugo contaba con 53.189 vehículos dados de alta e analízase que, aínda que na zona sur hai unha boa oferta de prazas, tres zonas concretas contan cun déficit de estacionamento: a Milagrosa, A Piringalla e Fonte dos Ranchos, que están 500 prazas por debaixo da recomendación do plan. Unha das propostas é buscar parcelas nas que se poida incrementar o número de prazas.

O máis urxente é a zona de baixas emisións do casco histórico, que é o que obriga a lei e por iso se recolle. "Nos entornos escolares fálase de mellorar a protección, e hai cuestións moi ambiciosas, como desenvolver a cidade en supermazás, algo que o propio documento recoñece que debe ser a longo prazo", dixo o tenente de Alcalde. Outra cuestión importante é buscar solucións ás zonas concretas nas que o plan marca déficit de estacionamento, sobre todo na zona norte. "A zona norte ten a dificultade de ser moi densa, con moita densidade de vivenda, o que fai que non haxa espazo para todo, isto crea un reto importante, sen solución sinxela, e o propio documento explica que non é doado, propoñendo, por exemplo, que os aparcadoiros se sitúen a menos de 1 km das zonas residenciais" dixo Rubén Arroxo, quen afirmou que o Concello asume "este plan como folla de ruta, aínda que algunhas cousas non sexan posibles a curto prazo".

No referente á rede ciclista, trátase dunha rede non segregada. En moitas das zonas que se menciona xa existen solucións semellantes, como en Ramón Ferreiro, que xa ten un carril marcado como de preferencia ciclista, ou na propia Ronda. En Fontiñas propoñen usar a mediana dando preferencia aos peóns, pero permitindo o uso ciclista, sempre sen segregar. Na Avenida de Madrid habería que buscar unha fórmula semellante á de Ramón Ferreiro, facendo que o carril dereito sexa de prioridade ciclista. No relativo aos sistemas verticais, en Fontiñas xa existe algún, e o plan recolle unha segunda opción a maiores da que xa está. Outras propostas parécense moi complexas, como dende a zona da Estación ao barrio da Ponte, pero, en todo caso, recóllense como liñas de traballo.

Rubén Arroxo considerou o conxunto do novo plan de mobilidade como "unha folla de ruta moi interesante". Segundo o tenente de Alcalde, hai cousas que se poden desenvolver, aínda que leve tempo, "e outras que polo menos axudan a reflexionar sobre problemáticas existentes na cidade e a buscar solucións máis concretas". "Hai cuestións que son problemáticas e teñen solucións moi difíciles, pero está ben que o documento as recolla", dixo Arroxo. O plan tamén propón cambios na direccionalidade da Avenida da Coruña no seu primeiro tramo, "ligando isto co feito de que o volume de tráfico que vén pola Avenida da Coruña en dirección sur non acabe chegando á Ronda, senón que se desvíe antes", explicou Arroxo. A idea sería que o tráfico que vai pola Ronda e continúa por ela use Concepción Arenal, e que o volume que vén desde a Avenida da Coruña se desvía para que Concepción Arenal non colapse. "Isto tamén implica, entre outras cousas, pechar o que forma a segunda ronda e outras actuacións xa recollidas no Plan Xeral dende hai moitos anos" explicou o tenente de Alcalde, que engadiu "son proxectos ambiciosos, que requiren tempo, pero existen como folla de ruta".

Audio

  • O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre o Plan de Mobilidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas