A Xunta de Goberno aprobará mañá os pregos de contratación para realizar as tarefas de limpeza, reparación, mantemento e conservación de 8 espazos
As actuacións enmárcanse no traballo do Goberno por manter en boas condicións os espazos públicos da cidade
- Tema

A Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores a licitación do servizo de limpeza, reparación, mantemento e conservación das fontes ornamentais. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen avanzou que a licitación se fará por procedemento aberto. Así mesmo, na sesión deste mércores aprobaranse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.
Tal e como subliñou Piñeiro, as tarefas de conservación e mantemento, que afectarán a 8 espazos, contarán cun orzamento de 36.000 e a duración do contrato será dun ano, podendo prorrogarse por outro ano máis. Os traballos acometeranse na Fonte da Medusa, na Avenida Garabolos; na Fonte Cibernética –Fonte dos Ranchos-; na Fonte dos Leóns, na Praza de Avilés; na Fonte do Rei, na Praza do Rei; na Fonte de Augas Férreas, na Praza de Augas Férreas; na Fonte das Rás, situada nos Xardíns García Morato; na Fonte da Praza do Campo e na Fonte da Pinguela, na Rinconada do Miño. Neste último caso, o mantemento farase conforme as especificacións que marque e indique a Xunta de Galicia.
A empresa adxudicataria realizará o mantemento preventivo de bombas, de cadros eléctricos, da instalación do alumeado, así como outras operacións, como a inspección do seu estado, a limpeza de vasos, sumidoiros ou rexillas e o baleirado de vasos e paredes, entre outros. Estes labores faranos con periodicidade semanal, quincenal, mensual, trimestral, semestral ou anual, dependendo do tipo de operación.
O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible fixo fincapé nestas actuacións, que se enmarcan dentro do traballo do Goberno por manter en boas condicións e dignificar os espazos públicos da cidade, pois isto contribúe ao ornato de Lugo
O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.
Audio
- Daniel Piñeiro, sobre o contrato de limpeza das fontes ornamentais |Descargar mp3