O Concello lanza unha campaña de sensibilización para a recollida das deposicións caninas

Distribuirá 3.000 exemplares dun libro manual de bos usos acompañado dunha bolsa reutilizable para recoller os excrementos das mascotas, especialmente no adarve da Muralla, onde non se poden colocar papeleiras por disposicións de protección do monumento

Luns, 12 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello lanza unha campaña de sensibilización para a recollida das deposicións caninas

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, presentou este xoves unha novidosa campaña de sensibilización e información cidadá destinada ás persoas propietarias de cans para fomentar a recollida das deposicións dos animais nos espazos públicos, sobre todo, nos lugares de especial interese patrimonial, como é a Muralla.

O obxectivo é “evitar un comportamento que, aínda sendo dunha minoría, ocasiona un impacto moi negativo na imaxe da cidade, especialmente nos bens patrimoniais, pero tamén un impacto ambiental importante e mesmo pode provocar riscos para a saúde pública”, explicou o Concelleiro. Deste xeito, indicou, esta iniciativa enmárcase no traballo do Goberno por “un modelo de cidade máis cómoda, limpa e coidada, que podemos e debemos construír entre todos e todas”.

O Goberno aumentou a frecuencia da limpeza no adarve da Muralla e colocou papeleiras nos accesos ao monumento, pero ao non poder instalarse colectores no adarve por determinacións de protección deste Ben Mundial, hai propietarios e propietarias de cans que, unha vez recollidas as deposicións, abandonan as bolsas no chan. Por iso, o Concello decidiu, coa colaboración da empresa que se encarga do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, Urbaser, levar a cabo esta campaña, unha acción de comunicación directa coas persoas donas de cans.

Con esta finalidade, o Concello editou un libro manual de 60 páxinas titulado Non a tires, embólsaa!, escrito por Mercedes Pacheco, ilustrado por Fran Muñiz e cunha ampla selección de fotografías referentes á temática. Un total de 3.000 lucenses recibirán este manual de bos usos, acompañado dunha orixinal bolsa reutilizable para recoller as deposicións das mascotas, especialmente na Muralla.

A distribución estase a realizar xa a través dos establecementos da cidade relacionados coa tenencia de mascotas: clínicas veterinarias, tendas de accesorios, alimentación e servizos, centros de adestramento e centros de coidados, así como no propio Concello.

Deste xeito, realízase unha sensibilización de amplitude familiar e permanente cunha campaña que busca promover a convivencia entre a veciñanza e as mascotas, mellorar a limpeza do municipio especialmente na contorna e na propia Muralla, e informar dos recursos que o Concello e Urbaser destinan a estes fins e da lexislación vixente nesta materia.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a campaña de sensibilización | Descargar mp3

Documento

Noticias relacionadas