Miguel Fernández destaca que “esta nova brigada permitirá actuar con axilidade ante calquera incidencia, garantindo espazos públicos máis seguros, accesibles e coidados”.
José Tomé subliña que “esta proposta do Goberno local contribuirá a mellorar a imaxe de Lugo como destino turístico accesible, verde e inclusivo”.
O plan permitirá reparar beirarrúas, calzadas e mobiliario urbano, mellorar zonas verdes e eliminar barreiras arquitectónicas cun equipo municipal de intervención inmediata.
- Tema

O Concello de Lugo continúa avanzando na mellora da calidade dos espazos públicos coa posta en marcha do Plan AXIL, un programa municipal de Actuación e Xestión Inmediata que contará cun orzamento de 200.000 euros. A iniciativa, deseñada polo Goberno local para reforzar o mantemento urbano cun equipo especializado e áxil, conta co apoio da Deputación de Lugo, que contribuirá con 150.000 euros ao seu financiamento.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor “a creación da Brigada AXIL como un paso decisivo para actuar con rapidez ante calquera incidencia, desde un banco roto ou unha papeleira deteriorada ata unha beirarrúa levantada ou un punto de luz avariado”. Salientou que “a axilidade na resposta é clave para mellorar a calidade de vida da veciñanza e para evitar que pequenos danos se convertan en problemas maiores, garantindo así espazos públicos máis seguros, accesibles e coidados”.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, enmarcou esta colaboración na política de cooperación cos concellos, “que articula toda a nosa acción de Goberno”, e valorou esta proposta do Goberno local “porque contribuirá a estimular a economía, mellorando o benestar das veciñas e dos veciños ao tempo que axudará a mellorar a imaxe de Lugo como destino turístico accesible, verde e inclusivo”.
O Plan AXIL supón un avance fundamental na xestión eficiente dos recursos públicos e na atención inmediata aos problemas que afectan á infraestrutura municipal. A nova brigada permitirá dar resposta en cuestión de horas ou poucos días a incidencias de diversa índole, reducindo molestias ou riscos para a cidadanía e actuando cun enfoque preventivo que prolonga a vida útil do patrimonio municipal.
A intervención municipal abranguerá actuacións como a reparación de beirarrúas e calzadas, a renovación de tapas de pozos de rexistro e arquetas, a reposición de bancos e papeleiras, a instalación de xogos infantís e elementos biosaudables, a dotación de xardiñeiras e mobiliario, así como a mellora e mantemento de zonas verdes. Tamén se inclúe a supresión de barreiras arquitectónicas, rebaixando pasos de peóns para garantir a accesibilidade universal.
Miguel Fernández agradeceu expresamente o apoio da Deputación, destacando que “a colaboración entre administracións é esencial para desenvolver servizos esenciais como este, pensados para dar solucións concretas e inmediatas ao día a día da cidadanía”.

