O Concello executará subsidiariamente a estabilización do inmoble nº 48 da Rolda da Muralla, logo de apercibir ás titulares ata en 30 ocasións

A Xunta de Goberno autorizaba esta mañá a adxudicación dos traballos por un importe de 48.080’89 euros

O Concello porá fin así a un expediente que leva máis de 15 anos comprometendo a seguridade cidadá, debido á falta de colaboración das propietarias

Ademais, na sesión desta semana, o executivo local concedeu outras 8 licenzas urbanísticas máis, entre elas, a reforma dunha nave para tanatorio na rúa do Arco, orzamentada en 1’3 millóns de euros

Mércores, 17 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello executará subsidiariamente a estabilización do inmoble  nº 48 da Rolda da Muralla, logo de apercibir ás titulares ata en 30 ocasións

O Concello de Lugo acometerá, de forma subsidiaria os labores de desentullo no inmoble número 48 da Rolda da Muralla, co fin non só de garantir a estabilidade do edificio senón tamén a seguridade de toda a cidadanía.

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, explicaba que na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá autorizouse a contratación dos traballos á empresa Aldariz Ferreiro, por importe de 48.080’89 €.

“As obras, segundo o proxecto elaborado ao respecto por Evislusa, consisten no apeo da estrutura, o arriostramento de muros, o desentullo e a recuperación dos elementos catalogados cos que conta a construción”, indicou o concelleiro que tamén apuntou que as operacións teñen un prazo de execución de 6 meses.

Couto estima que, “en cuestión de semanas, empezarán a darse os pasos para materializar unha intervención que as propias titulares da edificación levan pospoñendo 15 anos, tempo no que de forma reiterada desoíron os requirimentos da administración local” e lembrou que, dende o 2001, ano no que se advirte por primeira vez da necesidade de actuar sobre a mesma, o Servizo de Urbanismo emitiu máis dunha trintena de resolucións, instando ás súas donas a corrixir as deficiencias que presenta.

“De feito, até o momento, o Concello impuxo un total de oito multas coercitivas ao respecto por importe de 43.000€ sen que causaran efecto algún, polo que, non nos quedou outra alternativa que solicitar a oportuna autorización xudicial para rematar, dunha vez por todas, o procedemento. A nosa máxima preocupación é a protección dos viandantes e, precisamente por iso, evitaremos que se siga adiando esta actuación de maneira inxustificada”, subliñou o responsable de área que tamén agarda que tras esta actuación, coa que se pretende frear a aparición de novas filtracións de auga e o incremento do deterioro da vivenda,  xa se poida recuperar o tránsito peonil neste punto da rúa, actualmente restrinxido.

Outros asuntos da orde do día

Alén deste asunto, na sesión celebrada esta mañá polo equipo de goberno concedéronse tamén outras 8 licenzas urbanísticas para diferentes intervencións no municipio.  Entre elas, a reforma dunha nave para tanatorio na rúa do Arco, cun presuposto de 1.312.069’56 euros ou a construción doutra no polígono das Gándaras destinada á descontaminación e almacenamento temporal de vehículos ao final da súa vida útil, por importe de 247.898’38 euros. Así mesmo validouse a instalación de tres ascensores en sendos inmobles de Lamas de Prado, rúa do Franco e Quiroga Ballesteros, a mellora da accesibilidade nun portal da Rolda das Fontiñas, a construción dunha vivenda unifamiliar en Calde e a legalización doutra, vinculada á unha explotación Equina, en San Xoan de Tirimol.

Igualmente o executivo adxudicou a contratación da obra de rexeneración de firme na estrada de Vilanova a San Miguel, nas parroquias de Bóveda a Bacurín, por importe de 70.550’26 euros e cun período de execución dun mes e se prorrogaron os contratos de colaboración á xestión recadatoria municipal en período executivo e para a xestión administrativa e recadación das multas de tráfico en período voluntario e executivo (692.568’59€), o do servizo de comidas aos usuarios do Centro de Día Novo Antonio Gandoi (32.669’82€) e o da xestión do centro social e cultural do Vello Cárcere (212.210€), os tres por un período dun ano.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a intervención no nº48 da Rolda da Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas