O Concello dota de rede de abastecemento a máis de 120 veciños de Meilán cun investimento de 128.000 euros

A Alcaldesa e os concelleiros de Medio Rural e Infraestruturas Urbanas supervisaron os traballos, que consistiron na instalación do servizo a 30 vivendas do Castro, Guntín e Vilar, que ata agora usaban pozos particulares

Venres, 05 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
imaxe1

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os concelleiros de Medio Rural, Miguel Fernández, e Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisarán este venres pola tarde as obras que acometeu o Concello co fin de ampliar a rede de abastecemento na parroquia de Santiago de Meilán, nas que investiu 128.000 euros e que benefician a unha trintena de vivendas e máis de 120 veciños e veciñas.

Os traballos consistiron en dotar de traída aos núcleos de O Castro, Guntín e Vilar, que ata agora carecían deste servizo público, tendo os veciños que servirse de pozos particulares. En Castro instaláronse 22 acometidas, mentres que nos núcleos de Guntín e Vilar, 5 e 2, respectivamente.

A Alcaldesa subliñou que esta “importante mellora nun servizo público básico enmárcase no claro compromiso do Goberno por mellorar as dotacións no rural e por garantizar a mesma calidade de vida que na cidade garantindo os mesmos servizos públicos a todo o municipio, independentemente de onde vivan” , asegurou a rexedora.

Deste xeito, a ampliación da rede de abastecemento de Meilán súmanse a outras actuacións que está a acometer o Concello nas parroquias do rural, como o desbroce de camiños públicos, dos que se ocupa a brigada municipal e que arrancaron esta semana en Santa Comba e Santa María Alta; a aprobación dun convenio coa Deputación por 48.000 euros para executar a construción dunha cobertizo de madeira e delimitar as zonas verdes da Carballeira de Nadela; a renovación do local social de Bosende con 10.000 euros; ou a dotación de aglomerado en quente a 21 estradas cun investimento de 1,5 millóns de euros, situadas en Ribas de Miño, Coeses, San Xoán do Campo, Santalla de Bóveda, Santa Comba, Esperante, San Xoán de Pena, Recimil, Rubiás, Benade, Pías e Tirimol.

Así mesmo, o proxecto de Orzamentos 2016 presentado polo Goberno contempla 270.000 euros para a mellora dos viais das 54 parroquias, ademais de acometer a instalación de servizos no rural, como traídas de auga e saneamentos.

Multimedia

  • imaxe2

Noticias relacionadas