O Concello destina, un ano máis, 1’1 millón de euros á ensinanza deportiva para a veciñanza de todas as idades

A Xunta de Goberno Local validaba está mañá un total de 6 procedementos de contratación e outras tantas licenzas urbanísticas

Mércores, 04 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello destina, un ano máis, 1’1 millón de euros á ensinanza deportiva para a veciñanza de todas as idades

O executivo local validaba esta mañá, en Xunta de Goberno, 6 procedementos de contratación que, no seu conxunto, suman un investimento de 1.805.772’05 euros.

Entre os expedientes máis destacados figura a prórroga, durante un ano, do servizo de ensinanza deportiva nas instalacións municipais, da que é concesionaria a empresa Clece S.A, por un importe de 1.171.222’34 €.

Así mesmo autorizouse a Multienergía Verde S.L a continuidade, por terceiro ano consecutivo, da subministración de gas natural ao que o Concello destina 425.864’79 € e adxudicouse á Indra Soluciones Tecnológicas de la Información S.L o soporte e mantemento da Plataforma de E-Admon para os compoñentes TeCOL (Tramitador de Expedientes) e SeCOL (Sede Electrónica) por un orzamento de 198.399’80 €. Igualmente foi licitada a Ingeniería INSITU S.L (35.695 €) a dirección de obra, de execución material e coordinación en materia de seguridade e saúde para as obras do itinerario ciclista previsto na zona Edusi.

Xa dentro da área de Desenvolvemento Local Sostible, concedéronse outras 6 licenzas urbanísticas, dúas delas para proceder á instalación de sendos ascensores nun edificio da Praza Mártires de Carral (73.181’12€) e noutro da rúa Armiño (28.219’17 €); así como para a legalización das obras realizadas, por valor de 46.456 €, nunha nave da Estrada Lugo – Santiago, para a reconstrución parcial da cuberta doutra en Portela (19.612 €) e para a reorganización de diversas parcelas en Poutomiños e en San Salvador de Muxa.

Por último, en materia de Persoal, foi nomeado un novo funcionario de carreira para desempeñar a praza de Policía Local e se aprobaron as bases específicas para o acceso en propiedade a tres prazas, unha de Arquitecto/a Técnico/a en quenda libre e dúas de Arquitecto/a, unha delas de acceso libre ordinario e outra reservada a persoas con discapacidade.

Noticias relacionadas