Con estas tarefas “melloramos as comunicacións, a seguridade viaria e a comodidade dos conductores, ademais de previr incendios, o que en definitiva mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural”, subliñou Miguel Fernández
O Concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, anunciou que o Plan de Roza das pistas rurais do municipio contará este ano cun orzamento de máis de 140.600 euros. As tarefas realizaranse en 750 quilómetros de estradas (a razón de 187,55€/km) das 54 parroquias lucenses durante tres meses unha vez adxudicado o contrato, para o que poderán presentarse ofertas durante 40 días naturais contados dende a data de envío do anuncio do mesmo no Diario Oficial da Unión Europea. A licitación tamén se publicará nos boletíns oficiais do Estado e da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, en www.lugo.gal
Miguel Fernández subliñou que coa roza “melloramos as comunicacións, a seguridade viaria e a comodidade dos conductores, ademais de previr incendios, o que en definitiva mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas que viven no rural, algo fundamental para dinamizar economicamente as parroquias e fixar poboación”. “O noso rural”, lembrou, “supón o 80% do territorio do concello e o 10% dos habitantes”.
Para executar os traballos, o adxudicatario terá que dispoñer en activo, simultaneamente, dun mínimo de 8 tractores de dobre tracción. Completarase co desbroce e limpeza de camiños e pistas forestais con medios propios do Concello.
Audio
- Miguel Fernández, sobre o Plan de Roza | Descargar mp3