O Concello despexa de maleza as estradas das 54 parroquias do rural co Plan de Roza

Miguel Fernández supervisou estas tarefas, que contan cun orzamento de 97.300 euros e das que se encargan 8 tractores e unha ducia de operarios

Martes, 11 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello despexa de maleza as estradas das 54 parroquias do rural co Plan de Roza

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou este martes na parroquia de Pías as tarefas de desbroce que o Concello acomete na zona rural co Plan de Roza, que comezou a principios deste mes de xullo nas parroquias de Teixeiro, Monte de Meda e Soñar. Este plan acondicionará a totalidade das estradas municipais asfaltadas do rural ao longo deste mes de xullo e do vindeiro mes de agosto.

As tarefas, que contan cun orzamento de 97.300 euros e dos que se encargan 8 tractores e unha ducia de operarios, estes días están a realizarse nas parroquias de Pías e Coeses e continuarán por Meilán, Fixós, Saá, Torible, Prógalo, Bocamaos, Tirimol, Santa María de Bóveda e Recimil. Paulatinamente, estas tarefas continuarán polas restantes actuando nas estradas de titularidade municipal das 54 parroquias luguesas.

A entidade local inicia esta programación de traballos de roza ao comezo da tempada estival para evitar posibles incendios ao tempo que se optimizan os recursos. “Ademais de manter en bo estado as vías do rural, con estas actuacións, que atenden a peticións veciñais, melloramos as comunicacións no rural e a seguridade viaria”, destacou Fernández, quen subliñou o gran peso do rural do municipio, que supón o 80% do total do territorio do Concello e o 10% da poboación.

Previamente ao comezo destas actuacións, o Concello, con medios propios da brigada municipal, procedeu á limpeza de distintas zonas do rural, como arredores dos campos das festas ou de feiras, cemiterios, ou zonas de risco, tal e como lembrou o edil, quen reiterou a aposta do Goberno polo rural e o seu compromiso para mellorar a calidade dos servizos da veciñanza, independentemente se residen no rural ou na cidade.

Audio

Noticias relacionadas