O alcalde, Miguel Fernández, supervisa os traballos finalizados en San Salvador de Muxa e Campiña, executados con recursos propios, e en Santiago de Saa e Meilán dentro do Plan Único da Deputación, acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial.
As actuacións forman parte do compromiso municipal por garantir unhas infraestruturas adecuadas para os veciños e veciñas.
"Manter unhas boas comunicacións é esencial para garantir a calidade de vida no rural e impulsar o seu desenvolvemento", destacou o rexedor.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou esta mañá as últimas obras de mellora viaria rematadas no rural. O rexedor, que estivo acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, supervisou os traballos efectuados en San Salvador de Muxa, Campiña, Santiago de Saa e Meilán, onde ambos recolleron tamén as demandas da veciñanza para continuar mellorando as infraestruturas rurais.
"O Concello de Lugo segue a traballar para mellorar as comunicacións no noso rural, porque entendemos que contar con boas infraestruturas viarias é fundamental para que os veciños e veciñas poidan vivir con comodidade e seguridade", destacou Miguel Fernández. O alcalde subliñou que "as 54 parroquias do municipio e os seus núcleos de poboación forman parte esencial do desenvolvemento de Lugo e queremos garantirlles servizos de calidade. O noso obxectivo é contar cun rural dinámico que permita non só fixar poboación, senon atraer novos veciños e veciñas e dinamizar a súa economía”.
As obras recentemente finalizadas abrangueron melloras en viais de San Salvador de Muxa e Campiña, executadas pola brigada municipal e o parque móbil con recursos propios. Estas actuacións permitiron mellorar o firme en tramos nos que se atendeu ás demandas da veciñanza, co obxectivo de garantir unha circulación máis segura e fluída. “Acometer estes traballos con persoal municipal permítenos xerar un importante aforro ás arcas do Concello. O obxectivo é utilizar este recurso sempre que sexa posible e o persoal non esté desenvolvendo outras actuacións”, destacou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira.
Pola súa banda, as actuacións en Santiago de Saa e Meilán, financiadas a través do Plan Único Provincial da Deputación 2024 cun investimento total de 117.880,09 euros en Meilán e 107.645,24 euros en Santiago de Saa, consistiron na mellora do firme con aglomerado en quente e na optimización da drenaxe. A obra en Meilán mellorou a estrada que conecta a N-VI coa LU-P-2902, atravesando o núcleo rural de Guntín, mentres que a intervención en Santiago de Saa acondicionou a estrada que comunica a LU-612 cos núcleos de Barreiro, Faxilde e Cuíña, reforzando así a accesibilidade entre estas zonas rurais.
"Estamos a actuar en varios puntos do municipio para mellorar a accesibilidade e a seguridade das estradas municipais, empregando materiais de calidade e adaptando as actuacións ás necesidades de cada zona", explicou Ana González Abelleira. No caso das intervencións en Santiago de Saa e Meilán, a mellora do firme e da drenaxe permitirá garantir unha circulación máis eficiente e reducir problemas de acumulación de auga nos viais.
Recollida das demandas veciñais
A visita permitiu ademais manter un contacto directo coa veciñanza, que trasladou aos responsables municipais diversas demandas sobre necesidades na zona. "Escoitar aos veciños e veciñas é clave para planificar as actuacións futuras e garantir que o Concello de Lugo responda eficazmente ás súa necesidades", sinalou o alcalde.
No marco das actuacións previstas para os vindeiros meses, están en proceso de contratación e execución diversas melloras viarias en distintas parroquias do municipio, dentro do PPU 2024 e doutros plans de investimento en infraestruturas rurais. "Seguimos a traballar para dotar ao rural das mellores condicións posibles, porque queremos que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos de vida con estabilidade e comodidade", destacou Miguel Fernández.
Audios
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre as últimas obras no rural | Descargar mp3
- A concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, sobre as últimas obras no rural | Descargar mp3



