O Concello de Lugo reitera o seu compromiso de colaboración cos veciños e coa Consellería de Vivenda

Venres, 23 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello considera boa a proposta feita pola Consellería de Vivenda e decide apoiala marcando un calendario de traballo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, mantiveron unha xuntanza co Director Xeral do IGVS, Daniel Pino Vicente, o Delegado en Lugo da Consellería de Vivenda, Cosme Eladio Pombo, e representantes dos veciños de A Ponte, de Aquilino Iglesia Alvariño, da Fundación Secretariado Xitano e da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, para tratar a adxudicación das vivendas sociais por parte da Consellería de Vivenda.

O Alcalde agradeceu a sensibilidade do goberno galego con esta situación que vive a cidade de Lugo “A Consellería fixo unha proposta que penso que é para ser optimistas”.

López Orozco, dixo que nos próximos días manterán unha nova xuntanza o Delegado de Vivenda e máis o Concello, coa Consellería de Educación, a de Benestar, a de Traballo, a de Sanidade e a Subdelegación do Goberno, para buscar unha mellor solución.

O Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, presentou a proposta da Consellería que foi ben acollida tanto polo Concello como polos distintos representantes presentes na xuntanza.

Proposta da Consellería de Vivenda e Solo:

1.- Reubicación e integración dunha parte das familias xitanas adxudicatarias noutros barrios da cidade, sempre contando co seu consentimento. Esta reubicación levarase a cabo entre as familias procedentes do poboado chabolista do Carqueixo.

2.- Elaboración dun plan de integración social para as familias, tendo en conta a súa procedencia dun poboado chabolista.

3.- Convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello, polo cal a Consellería sufragará a maior parte do custe de adquisición de novas vivendas e o Concello

buscará as vivendas máis acaídas, desde o coñecemento que ten a composición de cada barrio.

4.- Creación dunha Comisión de Seguimento, - na liña da que xa existe nos Concellos da Coruña, Poio ou Pontecaldelas-, coa participación das administracións e departamentos que teñen responsabilidade transversal: Vicepresidencia, Vivenda e Solo, Educación, Concello, Subdelegación do Goberno, entidades sociais que traballan cos colectivos afectados e asociacións veciñais representativas.

5.- Creación dunha Comisión Técnica de Traballo, integrada polo Concello, Vicepresidencia, Consellería de Vivenda e Solo e entidades sociais que traballan co colectivo xitano.

6.- Recuperar un clima de sosego que permita ás administracións e axentes sociais traballar con rigor e discreción. É necesario unha implicación de todos a redobrar os esforzos para evitar calquera tipo de actitude ou declaración discriminatoria.

López Orozco anunciou que hoxe xa comeza o traballo dos técnicos municipais e dos representantes de colectivos de axuda á poboación xitana, e a próxima semana o Concello elaborará unha memoria sobre o poboado do Carqueixo que enviará inmediatamente á Delegación de Vivenda. Tamén en sete días será terá lugar unha nova xuntanza entre os representantes das Consellerías e o Concello para concretar o compromiso que ten que ter cada un, e en 15 días será a reunión da Comisión de Seguimento para dar conta do traballo realizado. Posteriormente, asinarase o Convenio coa Consellería.

López Orozco pediu aos veciños calma e dixo que, entendendo a súa preocupación, “en aras a ese clima de boa vontade merece a pena sosegar os ánimos, así é como se pode traballar”.

Noticias relacionadas