O Concello de Lugo recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán tras corrixir a Xunta as deficiencias que impedían a súa entrada en servizo

O Goberno autonómico realizou as intervencións técnicas e ambientais que o Concello esixira para garantir a seguridade e o correcto funcionamento da infraestrutura.

As melloras chegaron tras meses de requirimentos municipais e informes que advertían de deficiencias relevantes na drenaxe, no colector e no estado das zonas verdes.

“Por fin podemos abrir unha infraestrutura necesaria que estivo meses paralizada porque non cumpría cos estándares mínimos que debemos esixir en defensa do interese público”, afirmou o alcalde, Miguel Fernández.

Xoves, 08 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán tras corrixir a Xunta as deficiencias que impedían a súa entrada en servizo

O Concello de Lugo recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán despois de que o Goberno autonómico executase as actuacións técnicas e ambientais que os servizos municipais viñan reclamando desde hai meses para garantir a súa seguridade, o correcto funcionamento da rede de drenaxe e o adecuado estado das zonas verdes. A infraestrutura, clave para mellorar a mobilidade na contorna, non puido abrirse antes porque non reunía as condicións mínimas esixibles para a súa posta en servizo, o que obrigou a prolongar no tempo a súa apertura.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que “o Concello actuou con rigor e responsabilidade en todo momento” e que “non se ía recepcionar unha obra que presentaba deficiencias tan evidentes”.  “Grazas ao traballo e os informes dos técnicos municipais acreditouse que o aparcadoiro non estaba en condicións”, e engadiu que “se non tivésemos sido firmes, hoxe Lugo tería asumido unha infraestrutura con problemas estruturais e ambientais que non lle correspondían ao Concello”. O rexedor incidiu tamén en que “a prioridade sempre foi defender o interese da veciñanza e garantir que o que se entrega cumpre coa mínima calidade”.

O Goberno autonómico tivo que realizar unha limpeza integral do colector DN800, acometer novas operacións de mantemento e levar a cabo unha segunda inspección mediante videocámara —para a que foi necesario obturar e desviar temporalmente o fluxo do colector— co obxectivo de verificar o correcto estado da condución. Tamén se executaron traballos de mellora nas zonas verdes, que incluíron desbroces e segas, achega e perfilado de terra vexetal, sementa das áreas sen céspede, abonado e plantación de novas especies arbóreas e arbustivas, como cinco abedules, un freixo e dezaoito azaleas. Estas actuacións completáronse con limpezas complementarias e diversos axustes realizados durante os meses de outubro e novembro.

Miguel Fernández insistiu en que “o que pedimos todo este tempo foi algo tan básico como que se entregase unha obra ben rematada”. O rexedor lamentou que a apertura se retrasase pola falta de control inicial, pero celebrou que, tras as melloras realizadas, o aparcadoiro poida finalmente poñerse ao servizo da cidadanía. “O importante é que Lugo gaña un novo espazo de estacionamento nunha zona moi necesitada, e fáino cunha infraestrutura precisa para cumprir con esa demanda”, afirmou.

O Goberno local avanzou que, unha vez completados os trámites administrativos finais, o aparcadoiro será incorporado á rede municipal de estacionamento disuasorio, contribuíndo a mellorar a mobilidade e a ofrecer novas alternativas para residentes e usuarios dos equipamentos da contorna.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o aparcadoiro da Avenida de Breogán | Descargar mp3

Noticias relacionadas