A alcaldesa Lara Méndez e os concelleiros Alvaro Santos e Miguel Couto visitaron hoxe a zona para ver o estado da edificación
A obra foi adxudicada no mes de xuño por 818.714 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe iniciar a contratación da dirección de obra, a dirección de execución material e coordinación en materia de seguridade que permitirá, unha vez adxudicada, iniciar a actuación que finalizará a biblioteca do barrio da Piringalla e convertela nun centro sociocultural. A previsión é que comecen as obras na segunda quincena do mes de setembro.
A execución da obra, que foi adxudicada a finais do mes de xuño por 818.714 euros a Obras Gallaecia, necesita de dirección de obra pola súa complexidade ao ser un edificio xa iniciado e que sufrirá cambios importantes na súa estrutura.
A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada dos concelleiros da área de Desenvolvemento Sostible, Álvaro Santos, e de Urbanismo, Miguel Couto, visitaron hoxe a zona para ver o estado da edificación.
O novo centro de convivencia, que se chamará Paco Martín, contará no soto con diversos almacéns, instalacións, cuarto de lixo, limpeza e control de arquivo; na planta baixa, con vestíbulo, zona de control, sala de usos múltiples, zona infantil, bebeteca e aseos; na primeira e segunda, con salas de lectura e aseos; a terceira, con climatización, e as dúas altas con sala de reunións, despacho e oficina.