O Concello de Lugo inicia a adxudicación da pavimentación do espazo público entre o Palomar e a N-VI e da rúa Flor de Malva

Mércores, 01 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo celebrada esta mañá aprobou a apertura do procedemento de adxudicación das obras de pavimentación e servizos do espazo público entre o campo de fútbol do Palomar e a N-VI. Segundo explicou o Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, con este contrato satisfácese a necesidade de dotar de accesos e servizos ao campo de fútbol do Palomar, dado que con frecuencia non son suficientes os aparcadoiros existentes pola afluencia masiva de visitantes e espectadores, mellorando, ademais, a rede de espazos públicos existentes e a mellora ambiental.

O prezo do contrato establécese nun máximo de 202.642 euros e un prazo máximo de execución de 3 meses. Esta obra conta cunha achega municipal de 156.214 euros, 30.951 euros do Ministerio de Administracións Públicas e 15.475 da Deputación Provincial de Lugo.

Nesta xuntanza aprobouse tamén a apertura do procedemento de adxudicación das obras de pavimentación e servizos da rúa Flor de Malva que está incluída no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal e Rede Viaria local para o ano 2009.

O valor do contrato será de 296.201 euros, dos que o Concello achega 228.339 euros, o MAP 45.241 euros e a Deputación 22.620 euros, e un prazo de execución de 4 meses.

Con este contrato preténdese mellorar o mal estado da rúa, tanto na pavimentación como no tocante aos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público.

Por outra banda, o Goberno Local abriu o procedemento de contratación da subministración, instalación, reinstalación e mantemento dos xogos infantís, pavimento continuo de seguridade, valado e carteis indicativos no xardín existente na praza da Fonte dos Ranchos. O obxecto do mesmo é a contratación de dúas áreas de xogos infantís para nenos de menos de 6 anos e outra para nenos de 6 a 12 anos, cos seus correspondentes xogos infantís. O valor estimado do contrato ascende a 80.000 euros, e un prazo máximo para a súa execución dun mes.

Ademais, aprobouse definitivamente o contrato para a execución das actividades de ensinanza deportiva e outras complementarias nas escolas deportivas municipais coa mercantil A Billarda S.L., por un prezo de 633.064 euros e unhas melloras valoradas en 40.001 euros. Segundo explicou o Voceiro do equipo de Goberno, “a empresa realizará catro festas de inchables acuáticos con megafonía, catro xornadas de xogos populares,150 horas a maiores como apoio para eventos da promoción de actividades para o deporte base”. Ademais realizará actividades de presentación e clausura das escolas deportivas e aportará persoal especializado no caso de asistencia de nenos con discapacidade aos cursos.

Multimedia

Noticias relacionadas