Organiza da man do Campus Terra da USC un curso de coidado e poda de castiñeiras de variedades tradicionais de Galicia no novo pulmón verde LIFE das Gándaras
A formación será de balde para persoas de todas as idades
Para inscribirse, habilitarase un formulario de inscrición na web lugobiodinamico.eu no que se deberán indicar datos persoais e preferenza de data para a participación no obradoiro

O Concello de Lugo impulsa da man da Universidade e a través do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico a bioeconomía vinculada á castaña con talleres para mellorar a súa produción.
Entre esta accións está o desenvolvemento dun taller formativo sobre o proceso de coidado e poda dos castiñeiros galegos que se organizará no novo pulmón verde LIFE na zona de As Gándaras, onde o Campus Terra da USC está investigando o potencial de producción da madeira como produto renovable, reciclable, neutro en termos de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de elevada calidade para distintas transformacións industriais.
A economía verde suporá para Lugo un revulsivo a nivel empresarial e industrial, transformando o modelo económico da cidade e xerando novos empregos verdes.
Estes obradoiros serán unha actividade aberta durante os meses de novembro e decembro a calquera persoa interesada en coñecer todo o proceso de coidado e poda dos castiñeiros galegos, de cara a mellorar e fomentar súa produción de castañas, un dos valiosos recursos naturais de Lugo.
Haberá un total de oito citas, que se celebrarán os días 18 e 25 de novembro e os días 16 e 23 de decembro, en dous grupos: o primeiro de 16h a 17h e o segundo grupo, entre as 17h e as 18h. Todos estes cursos serán impartidos por Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro agrónomo, e Juan Luis Fernández Lorenzo, doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor da USC, ambos membros do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse a través dun formulario dispoñible na web lugobiodinamico.eu, ata un máximo de 15 inscricións por grupo. Na inscrición deberán indicar a data e hora na que prefiren participar. No caso de choiva ou condicións meteorolóxicas que non permitan a realización da actividade, esta será cancelada.
A través do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, o Concello de Lugo está a impulsar un novo modelo de cidade que camiña cara un desenvolvemento urbano sostible, co obxectivo de transformar Lugo nun modelo europeo de cidade resiliente, pioneiro na loita contra o cambio climático. Neste proxecto, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid.
Toda a información relativa ao proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, as súas actividades e accións de divulgación está recollida na web lugobiodinamico.eu e nos espazos en redes sociais do proxecto europeo.