O Concello de Lugo da luz verde á mellora da eficiencia enerxética do edificio administrativo da Xunta de Galicia

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá cinco licenzas urbanísticas por valor de 1,6 millóns de euros.

Aprobáronse as obras de reforma do Centro Cívico Uxío Novoneyra para mellorar ás prestación aos usuarios

Mércores, 12 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo da luz verde á mellora da eficiencia enerxética do edificio administrativo da Xunta de Galicia

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá cinco licenzas urbanísticas por valor de 1,6 millóns de euros. Neste conxunto de licenzas está incluída a rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética do edificio administrativo da Xunta de Galicia, sito na Ronda da Muralla, por un importe total de 1.319.719 euros e un prazo de execución de 12 meses.

As restantes licenzas inclúen a solicitude para a instalación dun ascensor no edificio de vivendas sito na rúa Doutor Gasalla, por un importe 109.228 euros; a reforma dun edificio en construción composto de planta baixa e primeira para supermercado con aparcadoiro vinculado, na Avenida Infanta Elena, por 114.968 euros; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar composta de planta baixa, planta primeira, baixo cuberta e anexo para garaxe, con demolición de fachada principal para axustar o edificio á aliñación, na rúa Chantada, cun importe de 110.049 euros, e unha reforma parcial de anexo de vivenda unifamiliar na rúa Veterinario Rof Codina, por valor de 7.568 euros; 

Por outra banda, aprobáronse as obras de reforma dos locais do segundo andar do Centro Cívico Uxío Novoneyra por valor de preto de 69.000 euros, que durarán un mes . “Con esta obra, contribúese a mellorar os servizos de atención social ás familias en risco de exclusión social coa mellora das instalacións e a unificación dos Servizos Sociais a unhas dependencias máis idóneas, accesibles e nas que a privacidade e seguridade dos usuarios e usuarias estea totalmente garantida”, sostivo a alcaldesa Lara Méndez.

As obras de rehabilitación proxectan tres despachos novos, que sumados aos existentes farán un total de 6. Con elas se busca unha mellora substancial na calidade de utilización das instalacións tanto por parte dos traballadores que nel desenvolven a súa actividade laboral como dos usuarios que acoden ao centro. Mellórase, así mesmo, a seguridade do persoal laboral grazas á  compartimentación e segmentación de usos e áreas. O complexo tamén disporá de sala de espera, máis ampla, garantindo as distancias de seguridade para os e as usuarias, e como novidade disporán dunha zona de lectura e un habitáculo para os ordenanzas e un almacén.

Noticias relacionadas