O Concello de Lugo abre un expediente por mor das filtracións de auga á empresa adxudicataria das obras do edificio Administrativo

Venres, 09 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada esta mañá aprobou a apertura dun expediente en orde á posible responsabilidade da UTE Xestión Ambiental de Contratas S.L. -Obras y Construcciones Dios S.A. adxudicataria das obras de renovación de cuberta do edificio do Servizo do Edificio Administrativo Municipal. Este expediente ábrese polos danos ocasionados durante os días 3, 4, 5, e 6 de outubro como consecuencia da entrada de auga de chuvia no edificio, solicitando os informes necesarios de diferentes servizos municipais afectados e abrindo un trámite de audiencia para que a empresa alegue canto ao seu dereito proceda.

Solicitaranse informes á dirección facultativa da obra de referencia, do servizo municipal de informática, servizo de persoal e do servizo de contratación, patrimonio e fomento de cara a aclarar as posibles responsabilidades.

Por outra banda, nesta xuntanza aprobouse a modificación das cláusulas sexta e décima dos pregos de cláusulas administrativas da contratación das obras do edificio rotacional destinado a policía Local e Protección Civil. Esta modificación débese a un erro na clasificación esixida das empresas, sendo a correcta Grupo C (edificacións), subgrupo 2(estruturas de fábrica ou hormigón), categoría e.

Xunta de Compras
Esta mañá tivo tamén lugar a xuntanza da Xunta de Compras do Concello de Lugo na que se aprobou o gasto de preto de 26.000 euros para a mellora das instalacións deportivas municipais. Así, investiranse un total de 8.868 euros para a construción dun almacén anexo aos vestiarios do campo de fútbol do Ceao, 3.575 euros para a realización de obras auxiliares no Campo de fútbol da Cheda e 13.315 euros para melloras nos vestiarios e de auga quente no polideportivo de Frigsa.

Noticias relacionadas