Miguel Fernández e Rubén Arroxo presentaron un programa no que dar cabida a distintos ámbitos da sociedade lucense, que culminará cun gran acto institucional no Fuxan os Ventos, o día 30.
O concerto do pianista James Rhodes e un gran espectáculo nocturno de drons son algunhas das citas organizadas pola Alcaldía, nunha programación que inclúe preto de 15 actividades, desde o 12 ao 30 de novembro.
A Tenencia de Alcaldía conta con 7 actividades na semana da grande celebración da Muralla, incluíndo un novo concerto da Banda Municipal.
Grupos de teatro, corais e baile intervirán nun programa que combina actos deportivos, institucionais, xornalísticos ou de maxia con concertos de música clásica e de jazz.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, presentaron esta mañá o programa de actos co que o Concello de Lugo vai conmemorar os 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, que se cumprirán o vindeiro día 30. Trátase dunha programación, cunha serie de eventos desenvolvidos ao longo de tres semanas, na que se dará cabida a colectivos e agrupacións de distintos ámbitos da sociedade lucense, para dar cabida a toda a cidadanía, e que culminará cun gran acto institucional no auditorio Fuxan os Ventos, o propio día 30.
O rexedor lucense sinalou que “esta declaración da Muralla romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco, supuxo un antes e un despois; non só para Lugo, senón tamén para que a cidadanía fora quen de renovar e enriquecer o orgullo por ser de Lugo e por ter na nosa Muralla o auténtico símbolo de enaltecemento desta cidade”, polo que “desde a área de Alcaldía deseñamos un programa que vai incluír actos nos que os e as protagonistas sexan os que contribuíron a esa declaración; lucenses de todos os ámbitos da sociedade, que antes e despois desta distinción tiveron moito que ver en que Lugo sexa hoxe unha cidade única, como o é a nosa Muralla”.
Pola súa banda, o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou as actividades organizadas pola Tenencia de Alcaldía para a celebración do 25º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. "A Muralla completa máis antiga de todo o planeta", destacou. O Tenente Alcalde explicou que non só se celebra este 25º aniversario, senón tamén o 10º aniversario da declaración do Camiño Primitivo e da Catedral de Lugo como Patrimonios da Humanidade.
Miguel Fernández tamén falou das representacións novidosas, como o espectáculo nocturno de drons, e dos concertos a cargo de artistas de renome internacional, como o do grupo de jazz, March Mallow, ou o que dará o pianista James Rhodes no auditorio Fuxan os Ventos, o día 19. Tamén puxo en valor a participación e implicación de grupos e asociacións culturais; clubs deportivos; colectivos do ámbito social; artistas lucenses de fama internacional, como Abraham Cupeiro, e un largo etcétera co que confirmar un programa de actividades que comezará o día 12 de novembro e que rematará o 30 de novembro, cun acto institucional, no auditorio Fuxán os Ventos.
Ademais, o alcalde de Lugo agradeceu a colaboración e a implicación total da Deputación de Lugo e do seu presidente José Tomé para poder levar a cabo moitos dos actos do programa que conforma a celebración deste carto de século da Muralla como Patrimonio Mundial.
A Tenencia de Alcaldía, pola súa banda, comezará as celebracións os días 7 e 11 de novembro, con dous concertos no Auditorio Fuxan os Ventos, co cinco veces gañador dun Grammy, Victor Wooten coa súa agrupación "Victor Wooten & The Wooten Brothers", e con Chucho Valdés, gañador de múltiples premios Grammy e considerado un dos mellores pianistas do mundo e rei indiscutible do jazz afrocubano.
A programación organizada desde a área de Cultura continuará con 7 actividades na propia semana do 30 de novembro, comezando o mércores 26 cun encontro de corais no auditorio Fuxan os Ventos ás 19 horas. "Noutros anos xa temos organizado actividades con corais pola celebración deste aniversario, e neste ano tan especial queremos dar un paso máis nesta actividade", explicou Arroxo. A Tenencia de Alcaldía contará con Cántigas e Flores, "a Coral decana de Lugo" segundo dixo Arroxo, que destacou que están preto de cumprir 80 anos de historia. "Estará tamén a do cuarto ciclo da USC, unha coral que moi numerosa e que participa en moitísimas actividades culturais e sociais de Lugo". Rubén Arroxo anunciou a participación de corais con "valoración internacional" como Solo Voces ou o grupo Coral Lugh.
En definitiva, sinalou o alcalde, “agardamos que sexa unha noite para o recordo, na que a cultura sexa protagonista, porque a cultura é a memoria viva dunha sociedade, e por iso desde o Concello temos a responsabilidade de promovela e compartila, para, por riba de todo, vivila”.
PROGRAMA
O vindeiro 12 de novembro comezarán os actos de conmemoración desta data coa visita institucional do alcalde de Viana do Castelo, urbe coa que Lugo está irmandada desde hai máis de tres décadas. Esta visita será ademais o preámbulo da celebración da Executiva do Eixo Atlántico en Lugo, o 13 de novembro, coa que os concellos galegos e do Norte de Portugal sumaranse ao homenaxe á Muralla pola súa declaración e á celebración de todo o pobo de Lugo.
Tamén o 13 de novembro, e dentro do programa de concertos do Festival de Jazz de Lugo, terá lugar a actuación do grupo March Mallow, no Círculo das Artes, e que conta co patrocinio da área de Alcaldía do Concello de Lugo.
O 19 de novembro terá lugar unha das grandes actuacións deste programa, a do mítico pianista James Rhodes, un británico de fama internacional moi vinculado a Galicia e a Lugo. O concerto, promovido pola Alcaldía, será no auditorio Fuxán os Ventos, xa que se considera que é o espacio perfecto para poder desfrutar da súa música, do son directo e sen artificios.
A muralla ten tamén o seu compoñente máxico e por iso e para convocar a maior parte da cidadanía en espectáculos de rúa, a programación inclúe actuacións do Mago Rafa, os días 22, 23, e 29 e 30 de novembro en horarios de mañá e tarde, no centro da cidade.
Compañías teatrais, tantoamateur como profesionais e coordinadas desde Alcaldía, protagonizarán na mañá do día 22 un espectáculo teatral que tomará a muralla como telón de fondo, para ir percorrendo o monumento e parar nas diferentes portas, asistindo a breves representacións teatrais da cada unha das compañías.
O 27 de novembro, o Concello de Lugo colaborará nunha iniciativa na que participan empresas lucenses e a comunidade educativa para rodear a Muralla e darlle un abrazo quilométrico por estes 25 anos de distinción.
O día 27, a tenencia de Alcaldía organiza no MIHL unha actividade destinada ao público familiar a partir das 18:00. Dentro da programación de animación á lectura, a profesora Alba convidará ás nenas e nenos de Lugo a unha sesión única na súa cociña de contos. Prepararemos xuntos unha historia nova, mesturando diversión, maxia e imaxinación. Unha experiencia saborosa e inesquecible para nenos, nenas e familias. O público adulto desfrutará tamén o día 27 de programación teatral co espectáculo Ellos y Yo de Jordi Font, que comezará ás 20:30. Trátase dunha viaxe íntima e conmovedora a través do imaxinario dun neno que se fai maior. Onde os recordos da infancia desvelan unha historia real que marca de por vida unha familia. “Ellos y yo”, fala desde recordos e da perda; a perda da inocencia, a perda de alguén querido, a perda do imaxinario. “Ellos y yo, o aquella sensación de que los árboles te miran” é un espectáculo que combina o teatro de obxetos e o videomapping onde a fenda entre realidade e fantasía desaparece.
Grazas á colaboración mantida entre a Alcaldía e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, (APEHL), dos días 28 ao 30 de novembro, haberá varios bares e restaurantes da cidade, que se afanarán nas súas cociñas para ofrecer receitas exclusivas a modo de Tapa Conmemorativa do 25 Aniversario.
Tamén nese fin de semana, haberá un falshmob dedicado á Muralla, que están a preparar as escolas de baile Gravitty e Star Dance, e que intentarán que o maior número posible de lucenses se sumen a un baile dedicado á Muralla por estes 25 anos como ben mundial.
O día 29, Lugo vivirá unha noite máxica que comezará co desfile das asociacións de recreación histórica do Arde Lvcvs, unha festa unida de xeito indisoluble á Muralla, ambas con distincións internacionais. Estas asociacións de recreación histórica xa participaron noutras edicións, e nesta tan especial estarán de novo presentes, cun papel protagonista.
A noite continuará cun espectáculo de drons que converterá o ceo da cidade nun lenzo de luz e música para conmemorar esta data. A actividade terá lugar nas costas do parque Rosalía de Castro. O espectáculo de drons, impulsado pola área de Alcaldía e creado especificamente para esta conmemoración, consistirá nunha coreografía aérea composta por máis de 150 drons sincronizados, que debuxarán figuras en movemento sobre o ceo ao ritmo da música do compositor Abraham Cupeiro, quen tamén participou na creación da banda sonora que acompañará esta montaxe que une tecnoloxía, arte e patrimonio.
Desde a Tenencia de Alcaldía preparouse tamén para o día 29, no auditorio Fuxan os Ventos, un concerto da Orquestra Filharmónica, “unha orquestra que está a triunfar na nosa cidade con diferentes actuacións ao longo do ano", afirmou Rubén Arroxo, que destacou a importante acollida desta orquestra "tanto entre o público adulto como entre a mocidade". Arroxo afirmou que a Filharmónica conta con "músicos de moi alto nivel" e afirmou que "como non podía ser doutro xeito, estarán na programación do 25º aniversario da Muralla".
Na mañá do día 30, a Ronda da Muralla acollerá unha iniciativa deportiva ciclista, coa que dar visibilidade a importancia do monumento máis emblemático de Lugo, tamén desde o punto de vista deportivo e saudable.
Por último, no serán do mesmo día 30 de novembro, ademais das actividades xa mencionadas, a Alcaldía de Lugo ofrecerá un acto institucional no auditorio Fuxán os Ventos, no que haberá encontros cos auténticos protagonistas do ámbito político, xornalístico e cultural daquel 30 de novembro do ano 2000 así como dos anos posteriores á consecución deste importante logro. Todo elo estará aderezado coa música a cargo da orquestra Terra Nova e outras sorpresas para unha noite máxica.
Baixo a organización da Tenencia de Alcaldía, o propio día 30 volverá actuar a Banda Municipal, cun concerto previsto para o Templete da Música da Praza Maior, ocupando "un lugar simbólico ligado á existencia da banda", explicou. A Banda volverá tocar despois de dar un concerto durante as Festas de San Froilán.
Ademais, o teatro continuará o domingo 30 co espectáculo SUM, peza teatral para primeira infancia que terá lugar no auditorio Gustavo Freire con dous pases ás 17:00 e ás 18:30. SUM foi gañadora do Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo para primeira infancia, "un espectáculo de gran calidade para que tamén as nenas e nenos máis pequenos poidan celebrar esta data", afirmou Arroxo.
Audios
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a programación do 25 Aniversario da Muralla | Descargar mp3
- O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sobre a programación do 25 Aniversario da Muralla | Descargar mp3


